Vilamarín recibirá preto de 230.000 euros para dotar de abastecemento aos núcleos de Xagrade e O Vilar

OurenseXa
A actuación incluirá a instalación de tubaxes de distribución cunha lonxitude aproximada de 2,5 quilómetros
o-vilar-vilamarin-google-maps
O Vilar, Vilamarín, imaxe de google maps
22 Jan 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Vilamarín, Amador Vázquez, reuníronse este martes no marco da colaboración técnica financeira polo que ambas administracións destinarán preto de 230.000 euros a dotar de servizo de abastecemento aos núcleos de Xagrade e O Vilar.

Esta actuación, que será cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), incluirá, entre outros aspectos, a derivación para toma en condución existente así como a instalación de tubaxes de distribución cunha lonxitude aproximada de 2,5 quilómetros, de elementos auxiliares -válvulas, ventosas, bocas de rega, etc.- e dun contador de medida.

A conselleira reiterou que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á súa veciñanza. De feito, neste caso a Administración autonómica asume máis do 90% do investimento e o Concello aporta a porcentaxe restante.

De feito, o orzamento de Augas de Galicia sobe este ano 2025 preto dun 5%, ata os 144 millóns de euros, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación e a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático.

O obxectivo principal será facer un uso eficiente da auga e reducir a pegada hídrica na comunidade mediante investimentos nas redes de saneamento, depuración e abastecemento así como no apoio aos concellos, o deseño de mapas de riscos climáticos ou a creación de corredores verdes para reducir os asolagamentos.

0.081898212432861