Xa se poden solicitar as prazas na Escola Infantil do campus de Ourense

A Escola Infantil Concepción Saiz Otero do campus de Ourense abriu o prazo para solicitar unha das súas 41 prazas para o curso 2025-2026. As solicitudes poderán presentarse ata o 31 de marzo a través da sede electrónica da Universidade de Vigo. O centro forma parte do programa de gratuidade no primeiro ciclo de educación infantil da Xunta de Galicia.
As 41 prazas dispoñibles distribúense segundo a idade do alumnado, con oito prazas para nenos e nenas de ata un ano; 13 para o tramo de un a dous anos, e 20 prazas para os de dous a tres anos. Os requisitos imprescindibles para ser beneficiario ou beneficiaria dunha praza neste centro son que o menor estea nado no momento de presentar a solicitude e que non teña cumpridos os tres anos de idade a 31 de decembro de 2025.
A adxudicación das prazas realizarase seguindo os seguintes criterios preferentes: nenos e nenas xa escolarizados no centro durante o curso 2024/25; fillos e fillas de persoal que presta servizo na propia escola infantil; menores con irmáns ou irmás con praza renovada; e nenos e nenas cuxos proxenitores, ou un deles no caso de familias monoparentais, xustifiquen unha situación laboral de ocupación. En caso de empate, aplicarase, por orde, os seguintes criterios: solicitudes nas que, cando menos, un dos proxenitores sexa membro da comunidade universitaria da Universidade de Vigo, e o orde de presentación da solicitude, priorizando a xornada completa con servizo de comedor sobre as solicitudes para media xornada.
Está previsto que o centro comece a súa actividade o vindeiro curso o 1 de setembro e funcionará durante once meses, de setembro a xullo, ambos incluídos. O horario lectivo será de luns a venres, podendo elixir escolaridade completa, que é de 12.00 horas a 15.00 horas e de 15.30 horas a 18.00 horas; xornada de mañá, de 08.00 horas a 15.00 horas; media xornada de mañá, de 09.00 horas a 13.00 horas, ou media xornada de tarde, de 15.00 horas a 20.00 horas. Tamén se ofrece a posibilidade de solicitar unha hora adicional de acollida e/ou permanencia.