Xantar 2024 festexa o seu vixésimo quinto aniversario con 140 actividades

OurenseXa
A entrada será gratuita e os asistentes poderán gozar de concertos, campionatos profesionais entre o 24 e o 27 de outubro
Presentación de Xantar 2024
22 Out 2024

Xantar cumpre 25 anos de traxectoria promocionando a calidade dos produtos do agro e do mar galegos, a profesionalidade dos profesionais da hostalaría e o papel que xoga a enogastronomía á hora de escoller Galicia como lugar de visita. O Salón Internacional de Turismo Gastronómico, a única feira internacional de turismo gastronómico de España, presentou esta mañá os datos da súa 25ª edición que se celebrará en Expourense entre o 24 e o 27 de outubro.

Expourense converterase a partir deste xoves no epicentro do turismo enogastronómico peninsular ao reunir a 90 expositores aos que hai que sumar 63 adegas expositoras a maiores e con 5 países representados (España, Portugal, Perú, Costa Rica e Australia). Contará con 4 restaurantes, 1 Zona de tapas, 2 aulas gastronómicas, 1 aula de catas comentadas e 1 espazo de degustación e promoción das festas gastronómicas de Galicia. Conta ademais cun Túnel do Viño, de acceso profesional, que presenta un total de 113 referencias de viños das cinco Denominacións de Orixe de Galicia (Monterrei, Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra e Rías Baixas) e da IXP Val do Miño.

A 25ª edición de Xantar foi presentada en Expourense nunha rolda de prensa que contou coa participación do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo; do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), Marín Alemparte; da directora de Promoción da Axencia de Turismo de Galicia, Carmen Pita; do deputado de Turismo e de Representación Institucional da Deputación de Ourense e presidente do INORDE, Rosendo Fernández; do xerente do restaurante Bágoa de Ourense, Martín Fernández, e do director de Xantar e director xerente de Expourense, Rogelio Martínez. Trátase dunha edición especial que chega con importantes novidades que teñen como obxectivo animar a participación dos profesionais da hostalaría de Galicia convocando para iso o 1º Campionato de Tortilla de Patacas de Galicia, cuxos gañadores participarán no Campionato de España de 2025.

Nesta liña tamén acollerá o 1º Campionato Mellor Burger de Galicia, que conta con categoría profesional e amateur. Por outra banda, Xantar volverá a poñer en marcha as distintas accións para atraer un maior número de visitas e para animar ao público de proximidade a participar na feira. A entrada ao salón seguirá sendo de balde. Tamén será de balde, ata completar aforo, a participación en calquera das 140 actividades que ofrece o programa desta edición e que inclúen obradoiros de cociña en directo, catas comentadas de produtos como viño, queixo, mel ou conservas, ou a presentación, con degustación, dunha vintena de festas gastronómicas de Galicia.

Mellor tortilla de patacas e hamburguesa de Galicia

Nesta edición especial 25º aniversario, Xantar acollerá o 1º Campionato de Tortilla de Patacas de Galicia (cuxos gañadores participarán no Campionato de España de 2025) e o 1º Campionato Mellor Burger de Galicia (que conta con categoría profesional e amateur). Trátase de promover e elevar á categoría de gourmet dous pratos, tortilla e hamburguesa, moi demandados nos locais de restauración e nos que Galicia destacou gañando os últimos campionatos de España.

O Campionato de Galicia contará coa participación dunha vintena de hostaleiros das catro provincias, entre os que destaca Ramón Rodríguez, do Restaurante O Cabo da Coruña, recente gañador do Campionato de España de Tortilla de Patacas celebrado hai unhas semanas en Alacante. Este campionato celebrarase o venres 25 de outubro ao longo do día e dará comezo o xoves pola tarde. Pola súa banda, o Campionato da Mellor Hamburguesa de Galicia está liderado polo chef Martín Fernández do restaurante ourensán Bágoa, gañador da “Mellor Hamburguesa Gourmet de España 2024”.

Turismo de proximidade

Xantar 2024 conta coa participación das catro deputacións provinciais de Galicia, de varios xeodestinos e GDR (Ribeiro-Carballiño, Trevinca-Valdeorras, Terra de Celanova – Serra do Xurés) e de numerosos concellos galegos das 4 provincias que participan de forma independente para promocionar o seu turismo gastronómico. Tamén conta coa participación de entidades do resto de España destacando a incorporación como expositor da feira “Alicante Gastronómica” promovida pola Cámara de Comercio de Alacante.

Na presenza internacional destaca un ano máis a presenza de Portugal, que estivo presente en Xantar dende a súa primeira edición. A Entidade de Turismo Porto e Norte é o principal socio estratéxico deste salón no país veciño e facilita cada ano a participación de numerosas cámaras municipais lusas que acoden ao salón con stand e organizan varios showcookings, catas comentadas e degustacións para promocionar o turismo de proximidade. Hai que destacar un ano máis a gran presenza de expositores procedentes do Norte.

En total, participan de forma directa e independente no salón unha quincena de cámaras municipais portuguesas que se suman ás que participan baixo o paraugas de Turismo Porto e Norte. Trátase dunha participación que ten un compoñente emocional pola unión que sempre existiu entre Galicia e Portugal, pero tamén estratéxica, xa que é o principal mercado emisor de turistas estranxeiros a Galicia. E ao mesmo tempo a Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal conforman un destino único cunha oferta enogastronómica de calidade para posicionarse internacionalmente.

Tamén participarán profesionais de países como Perú e Costa Rica. Para facilitar a visita a Xantar, Expourense conta coa colaboración de Renfe, Transporte Oficial, que ofrece un 10% de desconto nos billetes de Longa Distancia e AVE.

Consulta o programa completo de Xantar 2024

0.18192291259766