Xantar 2024 pecha as portas poñendo en valor a influencia da dieta na lonxevidade dos ourensáns

OurenseXa
A provincia busca converterse nunhas das poucas áreas do Mundo denominadas “Zona Azul” polo seu alto cociente de habitantes que superan os 100 anos
Clausura de Xantar 2024
Clausura de Xantar 2024
28 Out 2024

Xantar 2024 pechou este domingo as portas da súa 25ª edición poñendo fin a catro días de intensa actividade, traballo e confraternización nos que 90 expositores de 5 países deron a coñecer os seus recursos turísticos e gastronómicos e no que tamén foron presentados produtos innovadores que, tal e como explicou o director de Xantar, Rogelio Martínez, no acto de clausura “están creados na maioría dos casos por pequenos produtores, algo que nos satisfai porque así demostramos que o medio rural ten presente e moito futuro”.

Conclúe así unha edición especial do vixésimo quinto aniversario na que a organización deu un paso máis cara á profesionalización de Xantar cun programa con máis de 140 actividades repartidas en 2 aulas gastronómicas e 1 aula de cata que estiveron completas desde o primeiro día ata o último e que contaron cun total de máis de 6.000 participantes activos. Rogelio Martínez explicou que “Xantar é xa moito máis que un lugar onde comer ou cear con menús completos e de calidade. É un punto de encontro profesional e persoal, un lugar ao que vir descubrir, aprender, compartir, participar, gozar e probar o que os expositores e as actividades teñen para ofrecer”. En total, o salón rexistrou 17.000 visitas durante os catro días de celebración do salón.

O acto de clausura estivo presidido polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, que fixo fincapé no papel da dieta galega na lonxevidade dos habitantes de Ourense, provincia que busca converterse nunhas as poucas áreas do Mundo denominadas “Zona Azul” polo seu alto cociente de habitantes que superan os 100 anos.

Como é habitual nas últimas edicións, o domingo é o día dedicado ao Medio Rural que estivo representado polo director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria – AGACAL, Martín Alemparte, quen sinalou que esta cita é un excelente escaparate para promocionar as 38 “Experiencias de Calidade e Galicia”, é dicir, os produtos agroalimentarios amparados por selos de calidade como a Denominación de Orixe ou a Indicación Xeográfica Protexida.

A Consellería do Medio Rural facilitou a participación nesta feira internacional dunha decena de pequenos produtores e organizou un completo programa de talleres de cociña en directo impartidos por coñecidos chefs galegos que ensinaron innovadoras formas de cociñar os produtos de calidade maridándolos ademais con viños das cinco D.Ou. de Galicia. Organizaron tamén catas comentadas de produtos como o viño, mel e queixos premiados nas últimas catas oficiais de Galicia. Tamén participou no Túnel do Viño de Galicia no que estaban representadas 64 adegas das 5 denominacións de orixe de Galicia que ofrecían un total de 114 referencias.

A reivindicación por parte dos concellos rurais chegou da man de Purificación Domínguez, tenente alcalde do Concello da Arnoia, que tiña o seu día dedicado. Falou do importante papel que xoga Xantar para que os pequenos concellos poidan promocionarse como destinos enogastronómicos pero tamén fixo fincapé na necesidade de seguir investindo no medio rural para garantir a substitución xeracional e para que a agricultura non fose “economía de subsistencia ou autoconsumo” e puidese converterse nun negocio estable xerador de ingresos e fixador de poboación.

Hoxe tamén foi o día dedicado aos patrocinadores e colaboradores de Xantar que se celebrou coa tradicional entrega de placas. Entre os seus principais apoios contou coa administración autonómica (a través do apoio da Axencia de Turismo de Galicia e das Consellerías de Medio Rural e de Mar), entre outras colaboracións como a de Economía Social de Galicia. Tamén contou co apoio da Deputación Provincial de Ourense a través do INORDE.

Xantar volveu contar ademais co respaldo de grandes empresas do sector alimentario e servizos como o caso de Coren, Estrela Galicia, Cabreiroá, Cafés Lisboa, Grupo Cuevas, Gadis, Bricocentro Paradelo e ANFACO-CECOPESCA. Tamén hai que sumar o apoio da Deputación de Lugo, Renfe e a plataforma A shared Passion que promociona de forma conxunta os viños de calidade de España e de Portugal.

0.19752788543701