Xunta, Concello e praceiros avanzan na reapertura da Praza de Abastos de Ourense
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, reuniuse en Ourense co alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, e co presidente da Asociación de Comerciantes e Industriais da Praza de Abastos nº1 de Ourense, Emilio González, co obxectivo de seguir avanzando no reinicio da actividade neste edificio histórico. Esta reunión celébrase unha vez rematado e entregado o plan funcional do mercado, documento financiado pola Xunta e que, despois de xa ser aprobado polos praceiros, convértese na folla de ruta chave para facilitar o traslado dos comerciantes dende a súa actual ubicación provisional, na Alameda, e a reapertura deste mercado.
No encontro, no que tamén estiveron o director xeral de Comercio, Gabriel Alén, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, por parte da Xunta; ademais do concelleiro Francisco Lorenzo, o xerente da asociación de comerciantes, Alberto González, e o técnico José Luis Sousa; o conselleiro remarcou o compromiso da Xunta co desbloqueo dunha infraestrutura estratéxica para a cidade. Froito deste posicionamento, lembrou José González, foi a financiación do plan funcional -entregado en menos dun mes, prazo estipulado cando se asinou o convenio para a súa elaboración o pasado 3 de xullo-, dentro da vontade do Goberno autonómico por seguir afondando na intermediación entre Concello e praceiros para garantir a reactivación deste espazo comercial coas máximas garantías para comerciantes, veciños, Concello e a propia cidade.
Dentro deste mesmo marco de colaboración celebrouse o venres esta reunión, na que Xunta, Concello e os praceiros coincidiron na necesidade de axilizar o máximo posible a entrega e recepción das obras que se están a realizar no interior e exterior do mercado, avanzando o goberno municipal que apurarán no mes de agosto estes traballos. Este é un paso fundamental, tal e como sinala o propio plan funcional, para rematar de perfilar o cronograma de actuacións e orzamentos necesarios para acometer a seguinte fase da obra, que debe culminar co traslado dos praceiros ao edificio histórico.
Detalles do plan funcional
O plan funcional da Praza de Abastos nº1 de Ourense elaborouse atendendo ás propostas dos comerciantes e en coordinación directa cos técnicos municipais, sempre tendo en conta as singularidades e potencialidades do mercado e incluíndo nel aspectos básicos como a disposición dos postos, as necesidades de electrificación e ventilación, ou a valoración doutras cuestións fundamentais como a reforma do Rianxo ou melloras no eido da accesibilidade.
O traballo realizado pola Xunta neste mercado de Ourense está aliñado coa aposta que está realizando a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para impulsar as prazas de abastos nas cidades e vilas galegas como motores fundamentais do comercio de proximidade, actores chave na vertebración e dinamización do territorio.