Xunta e Deputación anuncian un programa piloto para loitar contra o lume na provincia de Ourense

OurenseXa
O plan prevé dotar ás mancomunidades de Verín, O Carballiño, Terras de Celanova e O Ribeiro con 16 brigadas para levar a cabo tanto tarefas de prevención e extinción de incendios
lume-courel
21 Feb 2025

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e polo deputado provincial, José María Lago, reuniuse hoxe cos presidentes das mancomunidades de Verín, José Luis Suárez; do Carballiño, Fernando Rodríguez; de Terra de Celanova, Jaime Sousa; e do Ribeiro, Francisco José Fernández; para avanzar nun programa piloto co fin de dotalas con 16 brigadas para a loita contra os incendios forestais.

Esta iniciativa enmárcase dentro do protocolo de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e a Deputación Provincial de Ourense para o desenvolvemento de actuacións conxuntas dirixidas ao mantemento e conservación das infraestruturas preventivas e da contorna forestal para a prevención e a defensa contra os incendios forestais.

O citado protocolo consta de seis actuacións relacionadas coa adquisición de tractores rozadoiras e maquinaria motoniveladora; coa cesión de maquinaria e a aportación de máquinas multifunción; coa formación do persoal dos concellos e mancomunidades no emprego destas ferramentas, a través do Centro Integral de Loita contra o Lume situado no municipio de Toén; e co desenvolvemento do programa piloto de dotación de brigadas.

Estas brigadas, das cales se destinarían catro para cada mancomunidade con cinco integrantes en cada unha, levarán a cabo tarefas de prevención e, no caso de ser requiridos polo distrito forestal, poderán actuar no caso de extinción dun incendio forestal. A disposición destas brigadas sería por unha duración de seis meses, segundo se contemplou dentro do protocolo de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e a Deputación de Ourense.

Así, mediante este protocolo fomentaranse os traballos de roza de matogueira para xestionar a biomasa. O obxectivo é realizar actuacións conxuntas dirixidas ao mantemento e a conservación das infraestruturas preventivas e da contorna agroforestal no territorio provincial.

0.16410303115845