A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras contará cunha nova unidade de enfermidades pulmonares

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou esta mañá no Parlamento de Galicia a creación dunha nova unidade de atención ás enfermidades pulmonares, como a silicose, na Área Sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras.
Durante a súa intervención, o titular da carteira sanitaria da Xunta remarcou que, hoxe mesmo, o equipo directivo desta área sanitaria manterá unha xuntanza con profesionais de Medicina Interna e de Atención Primaria para presentar e abordar a posta en marcha dun novo protocolo asistencial para as enfermidades pulmonares intersticiais difusas.
Segundo explicou, a nova unidade de atención ás enfermidades pulmonares incluirá unha consulta monográfica para pacientes con silicose e prevé a incorporación dun xestor de casos no Hospital de Valdeorras. Un profesional de enfermería que centralizará, xestionará e fará seguimento aos pacientes que con esta doenza.
“A atención sanitaria dos pacientes con silicose está garantida en todas as áreas do Servizo Galego de Saúde”, subliñou Gómez Caamaño, incidindo ademais en que as provincias de Pontevedra e Ourense, onde se concentran esta enfermidade pola actividade das súas canteiras e os procesados de pedra, contan con procedementos específicos para a detección e tratamento destes pacientes.
Sobre este particular, salientou que o servizo de Pneumoloxía Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo conta cun protocolo de atención coordinada á silicose, no que se inclúe unha consulta de tipo monográfico e tamén unha vía asistencial específica desde a atención primaria dos municipios con maior incidencia da enfermidade.
Na mesma liña, lembrou que a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras puxo en marcha un Comité Multidisciplinar para as enfermidades pulmonares intersticiais difusas no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. Un equipo que mensualmente se encarga de avaliar os casos máis complexos e que está formado por profesionais de Pneumoloxía, Radioloxía, Anatomía Patolóxica, Reumatoloxía, Medicina Interna, e a sección de enfermidades autoinmunes.
O conselleiro concluíu a súa intervención incidindo en que a posta en marcha da nova unidade para o tratamento das enfermidade pulmonares mellorará a calidade asistencial dos paciente con silicose na área sanitaria pois posibilitará a realización dun seguimento clínico máis estreito e a diminución dos tempos para o diagnóstico e comezo dos tratamentos.