A Biblioteca Nós acolle a mostra 'O colaxe na literatura ourensá' de Baldomero Moreiras
A Biblioteca Nós acolle a mostra 'O colaxe na literatura ourensá', do artista ourensán Baldomero Moreiras, que se poderá visitar ata o 31 de outubro. Nela o artista, natural de Celanova, recompila unha serie de obras que non foron preconcibidas para amosarse conxuntamente e que están feitas coa técnica do colaxe que emprega papeis recortados, pintados e pegados.
Baldomero Moreiras estudou Artes e Oficios e o Bacharelato superior en Ourense. Máis tarde especializouse na técnica do gravado en Madrid, e posteriormente diplomouse no Campo Internacional de Música e Pintura de Mijas. Realizou as súas primeiras exposicións desde 1975, na galería Souto de Vigo, no Museo Arqueolóxico de Ourense ou outra no Mosteiro de Celanova na década dos 80.
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, saalientou durante unha visita a esta mostra o tributo que Baldomero Moreiras fai nesta mostra a Manuel Curros Enríquez, Ramón Otero Pedrayo, José Ángel Valente e Xosé Luís Méndez Ferrín. Durante o percorrido tamén destacou o traballo de Moreiras nas artes plásticas e convidou á cidadanía a achegarse ata a Biblioteca Nós para “gozar da nosa cultura e literatura no mesmo espazo”.