A cabalgata de Reis en Ourense comezará dende a rúa Xesús Pousa
O próximo domingo, 5 de xaneiro, Ourense vivirá unha das súas citas máis esperadas do Nadal coa tradicional Gran Cabalgata de Reis. O evento arrancará ás 18:00 horas na estación de tren, situada na rúa Xesús Pousa, cunha comitiva encabezada por Melchor, Gaspar e Baltasar, que chegarán en tren á cidade arredor das 17:30 horas.
O percorrido deste ano, adaptado polas obras na Avenida das Caldas, levará á comitiva pola Ponte do Milenio, o Pavillón dos Remedios e a rúa do Progreso, ata alcanzar a Alameda ás 19:00 horas. O acto culminará na Praza Maior ás 19:30 horas coa Recepción Real, onde os Reis Magos visitarán o portal de Belén instalado pola Asociación de Belenistas nos soportais da Casa do Concello e saudarán o público asistente desde o balcón do salón de plenos.
A cabalgata contará cunha vintena de grupos de animación e carrozas, entre as que destacan as tres de Melchor, Gaspar e Baltasar, ademais dunha carroza musical con actuacións do grupo Broken Peach. Durante o desfile, repartiránse 3 toneladas de caramelos, aptos para persoas con intolerancia á lactosa e ao glute, que farán as delicias de pequenos e maiores.
Para amenizar a espera polo paso da cabalgata, tres charangas actuarán desde as 17:00 horas en diferentes puntos do percorrido: entre o colexio Salesianos e a rúa Xoán XXIII, entre Xoán XXIII e o Pazo da Deputación e entre o Pazo da Deputación e a Alameda.
A organización recorda que o público non poderá presenciar o desfile na Ponte do Milenio nin na rúa Doutor Marañón, pero anima a asistir a outras rúas próximas para gozar do espectáculo. Tamén haberá zonas habilitadas para persoas con mobilidade reducida na estación de tren, nos antigos xulgados e na Praza de Bispo Cesáreo.
Esta gran celebración promete encher Ourense de maxia, ilusión e música, consolidándose como un dos eventos máis especiais do Nadal na cidade.