A campaña de vacinación contra a gripe infantil na provincia de Ourense arranca o próximo luns

Na provincia de Ourense participarán nesta campaña 183 puntos adheridos ao Programa Galego de Vacinación
manuel-pardo-escuela-nogueira-de-ramuin
30 sep 2024

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acompañado da directora de enfermaría da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Josefa Rodríguez, e do alcalde, Julio Temes, desprazáronse á escola infantil de Nogueira de Ramuín para anunciar que o vindeiro luns, día 7 de outubro, a Consellería de Sanidade principiará a vacinación para diminuír a morbimortalidade das infeccións causadas polo virus da gripe da poboación infantil entre os 6 aos 59 meses.

O delegado territorial explicou que esta poboación será citada para que acuda ao seu centro de saúde mediante mensaxe de SMS ao teléfono que figure na súa historia clínica e, de non acudir a cita, recibirá unha chamada de recaptación pola súa enfermeira de referencia.
Manuel Pardo destacou que as innovacións mais relevantes teñen relación coa inmunización destes cativos. Por unha parte introdúcese a vacina intranasal para aqueles de 2 e 5 anos e, por outra parte as persoas que traballan nos centros educativos con alumnado de 0 a 5 anos inclúense como poboación diana desta campaña dentro do persoal de servizos esenciais (inicio vacinación 11 de novembro).

A vacina intranasal presenta como principais vantaxes fronte á de administración intramuscular que activa tamén o sistema inmunitarios local, neutralizando ao virus xa na súa porta de entrada (mucosa nasal) e diminúe a incidencia de infeccións bacterianas polo estreptococo A. Ademais, facilita a súa administración evitando o pinchazo, polo que mellora a acollida desta medida preventiva tanto de nenas e nenos como das familias.

Nesta provincia participarán nesta campaña 183 puntos adheridos ao Programa Galego de Vacinación e o número de doses que está previsto utilizar para poder acadar os obxectivos fixados serían de aproximadamente 115.000 doses de vacina.

0.19558119773865