A Casa dos Poetas acollerá unha mostra do escultor Eduardo Rodríguez Osorio

OurenseXa
“Hombre de Caminos” poderá visitarse en Celanova a partir do 17 de xaneiro
Cartel-hombre-de-caminos
11 Jan 2025

A Casa dos Poetas, da Fundación Curros Enríquez de Celanova, acollerá a exposición de escultura “Hombre de Caminos” de Eduardo Rodríguez Osorio (Chantada-Lugo, 1920 – Madrid, 1995). A inauguración terá lugar o próximo venres, día 17 de xaneiro ás 19.00 horas e permanecerá á disposición de quen queira visitala ata o 17 de marzo.

Nesta exposición exhibirase unha colección de 25 esculturas en diferentes formatos, bronce, pedra e madeira, pertencentes a toda a súa época creativa, caracterizada por un traballo constante e de perfeccionamento dentro do seu sentimento pola arte. A súa obra condúcenos a un mundo evocador, pois quen foi digno fillo que honrase á terra nai, Galicia, tan íntima como arcana, une no seu espírito a morriña dun eterno desexo de retorno voluntario á súa terra. Así, obras como “O Conto”, “Vella Cismando”, e “O Espantallo” e sobre todo as súas Maternidades, transpórtannos a unha realidade cargada de lembranzas.

Osorio foi un gran mestre do retrato, máis de cen cabezas modelaron as súas mans, algunhas das que forman parte do fondo cultural de museos e organismos oficiais. Por iso, esta mostra complétase cun apartado de fotografía documental do escultor modelando retratos de ilustres personaxes galegas do mundo da cultura, como o busto de Celso Emilio Ferreiro, de Lauro Olmo, Dionisio Gamallo e Daniel Cortezón, que mantiveron una estreita relación co poeta e Celanova, entre outros. E fotografías de obras públicas como o monumento a Félix Rodríguez de la Fuente en Poza de la Sal, Burgos, á Cabra Hispánica en Gredos, Ávila, ó Perro Guía na Coruña, e outros enclavados por toda a xeografía española.

Esta Exposición, dará a oportunidade ó público visitante de ver o seu traballo de formador de imaxes e volumes a partir dun anaco de madeira, barro ou pedra para comunicarnos as súas emociones plásticas.
Poderase visitar de martes a venres de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 18.00 horas e os sábados a partir das 11:00 ata as 14:00 horas e de 16:00 a 18:00 horas.

0.16961312294006