A Casa dos Poetas acollerá unha nova presentación literaria baseada na Capela de San Miguel

A Casa dos Poetas de Celanova acollerá o sábado, día 22 de marzo de 2025, ás 12:00 horas, a presentación do libro ‘Ciencia e Misterio en Celanova. A Capela Mozárabe de San Miguel’, de Xosé Benito Reza. No acto, o autor estará acompañado por Maximino Rodríguez e Noelia Domínguez.
Xosé Benito Reza, coa colaboración da súa filla Cristal, encargada do deseño da edición, presenta este libro o día máis próximo ao equinoccio de primavera. A obra aborda a fascinante xoia arquitectónica que é a capela mozárabe de San Miguel, con máis de mil anos de antigüidade, e tamén as vellas historias que emerxen da memoria colectiva e envolven ese enigmático lugar, que captaron a súa atención hai xa máis de 30 anos.
O libro inclúe, como non podía ser doutro xeito, un último capítulo dedicado á vida de San Rosendo, fundador de Celanova e unha das figuras máis influentes e respectadas da alta Idade Media.