A Casa dos Poetas continuará coa súa actividade cultural este sábado cunha nova presentación literaria

OurenseXa
O escritor e enxeñeiro, Alex Pernas, presentará a súa nova novela “Paspartue” en Celanova
Casa dos Poetas de Celanova
Casa dos Poetas de Celanova
10 Mar 2025

O sábado 15 de marzo de 2025, ás 12.00 horas, a Casa dos Poetas de Celanova será o escenario da presentación do libro "Paspartúe", obra de Alex Pernas.

Nado na Coruña en 1986, Pernas é enxeñeiro de software tras completar os estudos de Enxeñería Técnica en Informática de Sistemas e Grao en Enxeñaría Informática, con Mención en Enxeñaría do Software, na Universidade da Coruña. No ámbito literario, debutou en 2018 coa novela de ficción social "Xarfas", e desde entón publicou diversas obras, entre elas o libro de relatos "A Paga" (2022), que se publicara anteriormente como folletín no xornal dixital adiante.gal entre 2018 e 2021, "De entre as tebras" (2023) e, recentemente, a novela curta "Paspartúe" (2024).

Ademais da súa faceta como escritor, Pernas estivo vinculado ao mundo da música, participando en varias formacións, entre elas "TST" (heavy metal), "Ad Intra" (doom/death metal), "Os Relámpagos de Nós" (rock) e "Oymyakon" (groove/death metal), coa que continúa traballando actualmente.

A súa traxectoria tamén inclúe colaboracións con diversas asociacións e colectivos do ámbito do activismo.

"Paspartúe" narra unha historia escura e simbólica sobre obsesións e maldicións. A trama sitúase ao redor dun ser maldito, nacido o primeiro de xaneiro ás cero horas, cero minutos e cero segundos, que representa o primeiro dunha estirpe condenada a un destino lúgubre. A novela explora a obsesión enfermiza por outra alma, que se prolonga ao longo dos anos e das vidas, nun relato no que o renacer está inevitablemente ligado á repetición, e os froitos da maldición son os que alimentan o pesadelo.

A presentación do libro contará coa presenza do autor, que falará sobre a súa obra e o proceso creativo que levou á súa escritura.

⚙ Configurar cookies
0.39276218414307