A Casa dos Poetas de Celanova acollerá este venres a presentación do libro ‘O Inframundo’
A Casa dos Poetas de Celanova acollerá este venres, 24 de xaneiro, ás 20.00 horas a presentación do libro ‘O Inframundo’, unha obra do autor Guillelme Denís Castillo Carballa. O acto estará presentado por Juan B. Vila Oural.
A cita está organizada pola Asociación cultural e deportiva Basketxlibros de Celanova, e será a segunda presentación literaria do ano neste espazo cultural da Fundación Curros Enríquez, logo da presentación, o pasado 3 de xaneiro, do libro ‘O peto do Bis’, de Laura Salgado Ferreira.
Os asistentes poderán visitar tamén neste espazo a mostra “Hombre de Caminos”, do escultor chantadés Eduardo Rodríguez Osorio, que reúne unha colección de 25 esculturas en diferentes formatos, bronce, pedra e madeira, pertencentes a toda a súa época creativa, caracterizada por un traballo constante e de perfeccionamento dentro do seu sentimento pola arte.