A contorna do Castela da Peroxa será mellorada cun investimento de 40.000 euros

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde da Peroxa, Manuel Seoane, avaliaron o proxecto para a mellora ambiental da contorna do castelo durante unha reunión que mantiveron en Santiago de Compostela.
Durante o encontro, a conselleira avanzoulle ao alcalde que o Goberno galego colaborará con esta iniciativa cunha achega de 40.000 euros ao abeiro das axudas do plan marco do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).
Segundo lle explicou o rexedor á conselleira, o concello pretende acondicionar a contorna do castelo da localidade para garantir a súa conservación ambiental e dotar á veciñanza dun espazo de desfrute público. Nesa liña, o proxecto municipal inclúe a creación dunha senda circular que permita percorrer o espazo natural do interior do recinto, que incluiría unha pasarela, varanda e carteis informativos.
A maiores, desenvolveríanse actuacións para a eliminación de especies invasoras como a acacia dealbata, así como para a plantación de exemplares de flora apícola co obxectivo de conservar os polinizadores. Tamén se prevé a introdución de herbívoros para o mantemento natural dos predios da contorna do castelo.