A Deputación avanza os orzamentos para 2025 cunha cifra récord de 105 millóns de euros

OurenseXa
As previsións económicas supoñen algo máis do 9,3 % de aumento con respecto ao vixente exercicio (96 millóns de euros) e permite aumentar os recursos financeiros en todos os capítulos
Luis Menor
Luis Menor
5 Nov 2024

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, avanzou no Parlamento de Galicia que os orzamentos para 2025 alcanzan “unha cifra inédita para a nosa institución: 105 millóns de euros”, o que supón algo máis do 9,3 % de aumento con respecto ao vixente exercicio (96 millóns de euros) e permite aumentar os recursos financeiros en todos os capítulos.

Luis Menor compareceu onte á tarde na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para dar conta das principais liñas de traballo que se verán reflectidas nos orzamentos do próximo ano -os números finais están a ser ultimados polos servizos técnicos-, proxecto económico que será presentado ao pleno da corporación provincial o próximo 29 de novembro.

Na súa intervención, Menor destacou que “a columna vertebral” destes orzamentos seguirá estando no Plan CooperOU, que terá unha dotación de 18 millóns de euros, un máis que no presente ano “e mantendo o compromiso dunha revisión á alza nas seguintes dúas anualidades ata rematar o mandato, chegando a 20 millóns de euros”.

A Deputación de Ourense ofrece así a todos os concellos ourensáns, agás a capital, a estabilidade e seguridade financeira que precisan, coñecendo con exactitude as cantidades que van percibir desde o 1 de xaneiro de 2025, explicou o presidente, de modo que se potencia “a autonomía e responsabilidade municipal, mesmo na contratación de obras, promovendo a planificación, priorización de obxectivos”, manténdose ademais os criterios homoxéneos de repartición e flexibilidade no destino dos recursos.

Todos estes datos, afirmou, referendan a “decidida e clara aposta polo municipalismo”, chegando a todos os concellos da provincia e sete mancomunidades de municipios, “cunha cifra histórica: Máis de 35,1 millóns de euros de financiamento directo ás entidades locais”.

Multiplícase por sete a dotación para estradas provinciais

Entre os capítulos destacados polo presidente provincial na súa comparecencia en comisión tamén figura o esforzo inversor na rede provincial de estradas, con 1.850 quilómetros de vías.

O mantemento, mellora e seguridade destas estradas, “vertebradoras do territorio”, é unha das firmes e decididas apostas do Goberno provincial, asegurou, avanzando que nos orzamentos do próximo ano a dotación para esta partida aumentará en 3,5 millóns de euros, ata alcanzar un total de 10,5 millóns no que vai de mandato. É dicir, multiplícase por sete a partida consignada en 2023 (1,5  millóns de euros).

Adiantou tamén que se estuda un incremento máis para o próximo ano, de tal xeito que se podería dispoñer dun total de 14 millóns de euros para estas infraestruturas.

Impulso ás políticas de coidado dos maiores

Un dos grandes compromisos que se verán reflectidos nos orzamentos de 2025 refírese ao coidado dos maiores e, particularmente, á loita contra a soidade non desexada. A este ámbito engádese, ademais, unha característica específica da poboación maior na provincia de Ourense como é a lonxevidade e a elevada concentración de persoas centenarias.

Luis Menor subliñou neste sentido que en 2025 intensificaranse as  políticas públicas dirixidas ás persoas maiores, obxectivo do programa que se lanzará o próximo ano para a adaptación de vivendas, xunto con axudas  técnicas que permitan mellorar os sistemas de coidados no fogar.

Tamén adiantou o incremento dun 25 % no programa provincial de teleasistencia, co fin de dar cobertura “a un dos servizos máis valorados” e que permite atender a máis de 5.000 maiores nos 91 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes.

Neste tema lembrou o compromiso adquirido pola Deputación de Ourense para participar no Plan de investimentos en equipamentos sociais da Xunta, polo que o Goberno galego destinará 14 millóns de euros para 16 actuacións de construción, reforma e ampliación de centros de atención a maiores, noutros tantos concellos ourensáns, facilitando a creación de 375 prazas para mellora da calidade asistencial.

Un programa que contará coa colaboración da Deputación, que achega 2,3 millóns de euros, sendo a única institución provincial que financia este plan e a provincia que máis investimento recibe.

Cara un novo modelo de taxa pola recollida de lixo: Pago por xeración

No ámbito do medio ambiente, unha das principais apostas da Deputación de Ourense para 2025 será a nova ordenanza que regula as taxas da recollida de residuos, que pasa a ter carácter provincial e será xestionada pola Deputación nos 59 concellos que teñen delegada esta competencia.

Esta regulación senta as bases dunha nova estrutura de tarifas, nas que o usuario pagará en función da cantidade de residuos que xera (pago por xeración), o que require de importantes investimentos e tamén de cambios nos hábitos da cidadanía, que poderá optar a bonificacións de ata o 40 % na tarifa en función da súa colaboración na xestión dos residuos, como o uso dos puntos limpos ou a compostaxe.

A área de Medio Ambiente, ademais, terá unha partida de 2,1 millóns de euros para investimento en equipos, vehículos, plantas de transferencia e puntos limpos. O obxectivo é que, vía modificación, esta cantidade achéguese aos 4 millóns de euros.

Arcas provinciais sen débedas

Un dos aspectos destacados polo presidente provincial foi a situación financeira das arcas provinciais, “sen débedas”. Se en outubro do pasado ano cancelábase o único préstamo que mantiña a Deputación con entidades financeiras (2,8 millóns de euros), un ano despois acábase de aprobar unha partida de 1,5 millóns que permitirá liquidar a débeda que lle corresponde a institución provincial na sociedade Meisa, que xestiona a estación de montaña de Manzaneda.

Este paso axudará a centrar todos os esforzos na promoción da estación de montaña, sexa para a práctica do esquí ou como unha opción turística e de ocio desestacionalizado.

Outras liñas de actuación para os próximos orzamentos

Na súa intervención ante a Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia, Luis Menor abordou outros asuntos que tamén terán a súa pegada económica, entre os que citou os seguintes:

Desenvolvemento de áreas empresariais. Máxima colaboración coa Xunta de Galicia na dotación de mellores servizos a estas áreas, como se fixo co aparcadoiro seguro no polígono de San Cibrao das Viñas financiando o 40 % dun investimento de medio millóns de euros, ademais de reclamar a estación ferroviaria de mercadorías neste polígono.

Na medida das capacidades apoiarase na nova área industrial do Carballiño-Maside, que sería a segunda en importancia da provincia logo do cinto industrial da área metropolitana de Ourense, como tamén no caso das ampliacións do parque de Pereiro de Aguiar e de Xinzo de Limia; ou a futura área empresarial de Paderne de Allariz.

Financiamento empresarial (Sogarpo). En 2025 continuarase co acordo de colaboración con Sogarpo, polo que a Deputación bonifica ás empresas os custes que requiran da garantía desta sociedade. Destinaranse a esta iniciativa 500.000 euros, facilitando o acceso a financiamento das pemes ourensás.

EmprendOU en Feminino. Mantense este programa para o fomento das iniciativas empresariais e do emprego nas zonas rurais. Inclúe a "Tarxeta 8M", dotada con 1.134 euros, apoiando as iniciativas das mulleres de menos de 30 anos que creen unha empresa en concellos de menos de 10.000 habitantes, é dicir, en 88 dos 92 municipios ourensáns.

Programa ChegOU. Desde 2016 leva investidos xa preto de 4 millóns de euros en axudas directas para máis de 10.000 persoas. No próximo ano estará dotado con 400.000 euros. Auméntase de 21 a 59 os concellos cuxos nacementos poden contar coa axuda máxima: 500 euros. Innovación: os proxenitores poden solicitar a axuda a través dun sistema de sinatura por voz, facendo máis accesible a administración electrónica a todas as persoas que non dispoñen de medios.

Promoción de factores singulares. A deputación seguirá a explorar novas vías de promoción de todos aqueles factores que fan singulares á provincia de Ourense: Termalismo na súa vertente turística, pero sobre todo social e de saúde; AVE, promovendo a provincia como destino de interior cercano; e rutas xacobeas, con especial atención á Vía da Prata.

Igualdade. A Deputación, onde xa está implantado o segundo Plan de Igualdade, consignará para 2025 unha partida para a posta en marcha dunha iniciativa piloto: axudar a tres dos concellos máis pequenos da provincia na elaboración dos seus plans de igualdade, que servirán de base para o resto dos concellos.

Outros asuntos

Proxecto “OU-intelixente” para dixitalizar a xestión do ciclo da auga. Neste momento están en execución 3,3 millóns de euros.

Regadío da Limia. Segue adiante o compromiso asumido coas catro comunidades de regantes: 1  millón de euros para colaborar no plan de modernización do regadío na principal comarca agrogandeira da provincia.

 Infraestruturas deportivas. Grazas á colaboración institucional coa Xunta de Galicia, cun esforzo inversor xa asumido de 3,5 millóns de euros.

0.16122722625732