A Deputación de Ourense colaborará coa sexta edición do Allariz Debuxado

A Deputación de Ourense colabora co Allariz Debuxado, o Festival da Arte da Ilustración. A sexta edición deste certame, que terá lugar na vila de Allariz os días 11 e 12 de abril, contará con cinco convidados de renome: o autor leonés Javi de Castro; a autora balear Anabel Colazo; a editora de Ediciones la Cúpula, Natalia Mosquera; o tatuador e ilustrador ourensán Anxo Varela e a ilustradora coruñesa Lucía Gómez “Michopocho”.
Allariz Debuxado comezará este venres día 11 na sala de exposicións A Fábrica cunha sesión de coloquios, dirixidos tanto a profesionais como a afeccionados, nos que se tratarán diversos aspectos do traballo artístico e da industria da ilustración.
A xornada do sábado 12, prevista na praza do Matadoiro (en caso de que as condicións meteorolóxicas así o esixan, trasladarase á sala de exposicións A Fábrica) xirará en torno ao Mercadiño de Ilustración e Autoedición que para a presente edición contará con máis de 30 propostas, nas que se inclúen estudantes da Escola de Arte Antonio Faílde, profesionais da ilustración e proxectos editoriais de corte independente.
Ademais a xornada contará con diversas actividades como os Roteiros de Urban Sketching, sesións de sinaturas dos autores convidados e un obradoiro infantil de creación de personaxes da man de ilustradora Lucía Cid.
O festival, organizado por Aira editorial e a libraría Sindicato del Cómic, realizase grazas á colaboración do Concello de Allariz e a Deputación de Ourense.