A Deputación de Ourense e Cruz Vermella estudan novas vías de colaboración

OurenseXa
A Deputación estuda a cooperación con Cruz Vermella Ourense para renovar a súa flota de ambulancias
Luis Menor nun encontro con representantes de Cruz Vermella
Luis Menor nun encontro con representantes de Cruz Vermella
28 Nov 2024

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, reuniuse este mércores co presidente provincial de Cruz Vermella en Ourense, Felipe Ferreiro, e con outros representantes da organización social para analizar as vías actuais de colaboración e estudar as demandas da entidade.

A Deputación mantén unha colaboración estreita coa Cruz Vermella en Ourense dende que se fundara o pasado 21 de outubro de 1893 no propio salón de plenos do Pazo Provincial. Neste sentido, Menor e Ferreiro abordaron no encontro de traballo a cooperación continua entre ambas institucións.

Os representantes de Cruz Vermella comunicáronlle a Luis Menor a necesidade de renovación das ambulancias, un labor prioritario que ademais realizan en apoio a outros servizos de emerxencias sanitarias ou colectivos que así o solicitan. O presidente provincial recolleu a petición e amosou a Ferreiro a “vontade” da Deputación de seguir estreitando lazos, tanto nesta demanda concreta como en outras necesidades que afectan aos ourensáns aos que Cruz Vermella presta un servizo indispensable.

Na reunión, Menor e Ferreiro repasaron as actuacións levadas a cabo pola organización social en prol da provincia e que contan co apoio da Deputación, fundamentalmente a través de gastos de xestión.

No último ano, o goberno provincial facilitou a inversión necesaria para unha nova sede comarcal de Cruz Vermella en A Gudiña, xa estreada e completamente renovada, sendo unha infraestrutura modélica que, en palabras de Menor, é “exemplo de utilidade da cooperación institucional para mellorar a vida das persoas”.

0.16676187515259