A Deputación de Ourense e o Liceo reforzan a súa colaboración

OurenseXa
As instalacións do edificio que alberga á sociedade cultural, declarado Ben de Interese Cultural, dan servizo a preto de 20.000 persoas ao ano
luis-menor-liceo
Luis Menor visita o Liceo de Ourense
6 Feb 2025

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, visitou as instalacións do Liceo Recreo Ourensán, entidade ao servizo da cultura da provincia dende hai 175 anos. Acompañado polo presidente da entidade, Xavier Casares e membros da directiva, o presidente provincial destacou o “valor patrimonial incalculable” desta sociedade cultural, á que Menor se referiu como “unha das xoias da cidade e da provincia”.

O presidente provincial reafirmou o compromiso da Deputación co Liceo, a través de axudas que permiten que esta entidade cultural senlleira promova actividades ou leve a cabo as obras necesarias para conservar o edificio que é sede da entidade, o Pazo de Oca-Sarmiento, declarado Ben de Interese Cultural.

Os directivos do Liceo déronlle a coñecer ao presidente da Deputación a labor realizada a prol da cultura, con máis de 400 actividades programadas ao ano que, segundo a entidade, supoñen o paso de máis de 20.000 persoas ao ano polo edificio situado na rúa Lamas Carvajal.

A colaboración económica da Deputación de Ourense fixo posible nestes últimos anos que se levase a cabo a rehabilitación do claustro da segunda planta do edificio -utilizado para exposicións-, así como a Sala de Tertulia –destinada a actividades culturais e sociais- e tamén a realización de melloras na carpintería exterior do inmoble, entre outras actuacións.

 

0.17221617698669