A Deputación de Ourense mobiliza máis de 385.000 euros en materia de cultura, emerxencias e cooperación cos concellos

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou este luns un novo paquete de acordos que permitirá mobilizar 385.850,61 euros destinados a reforzar a cooperación cos concellos da provincia, fomentar iniciativas culturais e mellorar os recursos dos servizos de emerxencias.
O presidente provincial, Luis Menor, destacou que estas decisións se enmarcan nunha estratexia baseada na proximidade e no apoio directo ao municipalismo. Neste sentido, sinalou que a institución “continúa avanzando nunha estratexia centrada na proximidade, no municipalismo útil e na cohesión territorial, reforzando servizos públicos esenciais e garantindo igualdade de protección e oportunidades en toda a provincia”.
Do total aprobado, 210.850 euros destinaranse a axudas directas para os concellos de Os Blancos, A Mezquita, Parada de Sil, Arnoia, Cartelle, Castrelo do Val e Quintela de Leirado. Estas achegas permitirán atender necesidades concretas da xestión municipal, con actuacións en ámbitos como a mellora de infraestruturas viarias, a renovación de instalacións deportivas e espazos veciñais, a adecuación de locais para formación e emprego, a mellora de equipamentos sociais —incluídas residencias de maiores— ou o reforzo da estabilidade financeira das entidades locais.
En materia cultural, a Xunta de Goberno deu luz verde ás bases reguladoras das subvencións dirixidas a entidades sen ánimo de lucro para a organización de actividades culturais e recreativas ao longo de 2026. Esta liña contará cunha dotación de 100.000 euros e ten como obxectivo achegar programación cultural aos municipios e dinamizar a vida social, especialmente no medio rural.
O prazo de presentación de solicitudes abrirase tras a publicación da convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións e rematará o 20 de marzo de 2026, sen posibilidade de prórroga.
Durante a sesión tamén se aprobou a convocatoria de axudas ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil dos concellos de menos de 50.000 habitantes, cunha dotación total de 75.000 euros. O obxectivo é chegar ao conxunto das agrupacións activas na provincia, preto de medio cento, e reforzar un servizo considerado esencial para a seguridade cidadá.
O presidente provincial destacou que Ourense é actualmente a única provincia galega co mapa de emerxencias completamente cuberto, sen zonas sen atención, salientando o papel do voluntariado. “O voluntariado non substitúe ao profesional, pero é o primeiro intervinte. Nas aldeas máis remotas da provincia, o tempo de resposta é vida, e as AVPC son os nosos ollos e mans nese primeiro minuto crítico”, afirmou Luis Menor.
Estas axudas foron instauradas no actual mandato e incrementáronse progresivamente desde os 60.000 euros iniciais ata os 75.000 actuais, o que supón un aumento do 25 %. “Con estes recursos aseguramos que calquera veciño, viva en Melón ou na Mezquita, conte cun servizo de emerxencias digno”, subliñou Menor.
Durante a reunión tamén se acordou o peche e a suspensión da convocatoria do concurso público para o fomento das actividades escénicas e musicais de 2026, tras esgotarse o orzamento dispoñible de 210.000 euros. Segundo explicou Menor, as bases foron aprobadas o 19 de xaneiro e, apenas oito días despois, a elevada demanda provocou que se consumise a totalidade da partida.