A Deputación de Ourense presenta na comisión de Facenda os orzamentos de 2025
O equipo de goberno de Luis Menor presentou na Comisión Especial de Contas, Facenda e Recursos Humanos o proxecto de orzamentos para 2025, que por primeira vez na historia da institución supera os cen millóns de euros. En concreto, a proposta económica alcanza os 105,1 millóns, cun incremento de 9.050.000 euros, que supón un 9,42 % máis.
Trala posta en marcha o pasado ano, o Plan CooperOU figura cunha dotación íntegra para todo o exercicio: 18 millóns de euros, dos que 10,8 proceden do capítulo cuarto de transferencias correntes e o resto, 7,2 millóns do apartado sétimo de transferencias de capital.
No capítulo 2º, de gasto corrente, bens e servizos para o funcionamento da entidade, os orzamentos provinciais destinan case 25,8 M€ (25.798.370,58 euros), un 10,79 % máis e un 24,40 % sobre o total do orzamento. Entre os principais apartados deste capítulo figuran preto de 8 M€ destinados a Medio Ambiente; 4,18 millóns de euros a Vías e Obras, parque de maquinaria e cooperación; 3,3 millóns de euros a Cultura; 1,2 a Benestar e case 1 millón a Deportes.
O capítulo IV, de transferencias correntes, está dotado con 21,7 millóns (21.746.707,69 euros), un 3,28 % máis e un peso no conxunto do orzamento do 20,69 %. Cabe mencionar entre as partidas máis importantes os 3 millóns de euros destinados aos GES e o Consorcio contra Incendios e de Salvamento; 2,4 millóns de euros para o Inorde; 2,3 millóns para acción social con concellos (SAF) e entidades; e 1,16 M€ para fomento do deporte, ademais dos 10,8 millóns de eurosxa citados para o Plan CooperOU.
Polo que respecta ao capítulo VI, de investimentos, consígnanse case 9,9 M€ (9.885.921,73). Destacan as partidas dirixidas a augas e medio ambiente, con 3,2 millóns de euros; vías provinciais con 4,5 millóns de euros (neste exercicio era de 1,5 M€); 680.000 euros para o parque móbil e de maquinaria; e 756.000 para cultura e deporte.
No capítulo 7, transferencias de capital, hai que subliñar que a totalidade dos recursos, é dicir 7.240.000 euros, van destinados ao Plan CooperOU.
O capítulo primeiro, correspondente a persoal, ten asignada a maior partida económica con máis de 39,8 millóns de euros (39.829.000 euros), o que supón un peso do 37,90 % sobre o conxunto do proxecto económico para 2025. O incremento nesta partida será de 1,3 millóns de euros (3,45 %), motivado fundamentalmente pola aplicación das actualizacións salariais dos empregados públicos aprobada polo goberno central.
Compre sinalar que 16,52 millóns de euros (o 41 % do orzamento do capítulo primeiro) corresponden ao persoal adscrito aos servizos de vías e obras e do parque de maquinaria (11,3 millóns de euros); recollida de lixo (4,4 millóns de euros); e zonas verdes (829.732 euros). Trátase precisamente dos tres servizos que diferencian á Deputación de Ourense do resto de institucións provinciais galegas, xa que estes traballos non están externalizados, prestándose no caso ourensán baixo xestión pública directa.
Con todo, a cantidade que suman os capítulos 1º e 2º do orzamento de 2025 representa unha redución do 2,02 % con respecto ao presente exercicio: 64,32 % este ano fronte o 62,30 % para o próximo.