A Deputación de Ourense vén de mobilizar máis de 450.000 euros en axudas

OurenseXa
As axudas serán para municipios, entidades veciñais, asistenciais e organismos como o GDR Limia-Arnoia ou o Consello Regulador da Denominación de Orixe do Ribeiro
Deputación-de-Ourense-Xunta-de-Goberno
20 Ago 2024

A Xunta de Goberno da Deputación, na súa sesión ordinaria semanal, vén de mobilizar un total de 468.387,74 euros en axudas para municipios, entidades veciñais, asistenciais e diferentes organismos como o GDR Limia-Arnoia (ao que se lle conceden 35.000 euros para gastos de persoal para o seu proxecto Terra); ou o Consello Regulador da Denominación de Orixe do Ribeiro, beneficiario dunha achega de 20.000 euros para a integración de datos nunha ferramenta informática conectada a SIXPAC.

No que atinxe á cooperación cos municipios da provincia, aprobáronse 48.000 euros para a urbanización e rego automático da piscina de Boborás; 36.000 euros a favor do Concello de Lobios para festas e actividades de lecer, deportivas e culturais; 12.000 euros para o Concello de Vilar de Santos para mantemento e funcionamento do Museo da Limia; 40.0000 euros para gastos de funcionamento do Conservatorio de Verín; 43.387,74 euros a favor do Concello da Arnoia para melloras nas infraestruturas do parque municipal Os Chaos; para o Concello do Irixo, a subvención é de 43.500 euros para a adquisición da casa do zapateiro e parcelas anexas; para a pavimentación do acceso ao tanatorio de Leiro a achega é de 30.000 euros; a favor do Concello de Xunqueira de Ambía destínanse 60.000 euros para a reparación de camiños nas parroquias de Xunqueira, Armariz e A Graña.

Por último, aprobouse unha modificación do acordo de concesión dunha subvención a favor do Concello de Piñor, para a rehabilitación dunha glorieta na N-525, por importe de 47.500 euros.

Outras entidades

A Asociación Ourensana de Esclerose Múltiple, Parkinson e Enfermidades Raras percibirá 10.000 euros para gastos de funcionamento desta entidade. No que atinxe ás entidades veciñais, resolveuse o concurso público para a concesión de subvencións para gastos de funcionamento das federacións ou agrupacións de asociación veciñais de Ourense correspondentes a 2024, dotado con 43.000 euros.

Así, a Federación de Mulleres Rurais percibirá 7.800,53 euros; a Agrupación Miño obterá 17.528,69 euros e a Federación Limiar recibirá 17.670,78 euros.

Por último, a petición dos concellos de Avión, Cortegada, A Rúa e Vilamarín, aprobouse a modificación do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais (CooperOU) en relación coas actuacións que teñen en cada municipio. O total destas modificacións supón un importe global de 122.557,8 euros.

0.20745515823364