A Deputación pon en marcha un programa piloto de Respiro Termal enfocado a maiores afectadas pola DANA
A Deputación de Ourense anuncia que Massanassa será o concello da Comunidade Valenciana beneficiario do programa da institución ourensá “Respiro termal para a mellora da saúde mental”, unha iniciativa que se centrará en promover estadías e actividades saudables personalizadas en balnearios da provincia para persoas maiores especialmente afectadas pola DANA sufrida en terras valencianas o pasado 29 de outubro de 2024. Luis Menor comunicou o concello elixido para esta acción piloto á presidenta da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), María José García-Pelayo, acompañada pola directora xeral de Igualdade e Políticas Locais, Cristina Montalva.
Luis Menor expuxo á presidenta da FEMP os detalles da iniciativa da Deputación para a mellora da saúde emocional das persoas maiores afectadas pola DANA, así como as datas nas que se realizará o programa. “A presidenta da FEMP cualificou esta iniciativa como ‘moi innovadora’ pola mestura de termalismo e solidariedade, expresando a súa felicitación polo programa”, sinala o presidente da Deputación.
Ademais, a presidenta da FEMP trasladoulle ao presidente da Deputación o máximo interese da FEMP por desenvolvela e a posibilidade de ampliar a iniciativa a outras localidades da Comunidade Valenciana e incluso involucrar outras vilas termais.
Luis Menor anuncia que medio cento de veciños de Massanassa poderán chegar a Ourense, previsiblemente, a partir do mes de marzo. “Deseñamos un programa que inclúe o transporte gratuíto e a estadía en balnearios da nosa provincia, co obxectivo de minimizar esa experiencia traumática da DANA”, sinala o presidente provincial, un obxectivo co que se busca acadar melloras na saúde física e mental a través da propia experiencia dos balnearios e cos tratamentos médicos e termais que ofrecen os profesionais destas instalacións.
A Deputación de Ourense deseñou o Programa “Respiro Termal para a mellora da saúde mental” como fórmula de colaboración entre administracións locais, permitindo o desenvolvemento dun proxecto solidario entre territorios, no que no futuro se poidan involucrar outros niveis da administración pública e outras organizacións privadas, para ampliar unha acción común na protección e mellora da saúde emocional das persoas afectadas pola DANA na Comunidade Valenciana.
A Deputación de Ourense forma parte da Rede Española de Cidades Saudables (RECS), agrupación de entidades locais que, no marco da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), se uniron ao amparo dos principios do programa “Healthy Cities” da Organización Mundial da Saúde (OMS). En base aos obxectivos da Rede, así como aos valores e principios da OMS, nace o programa de respiro termal da institución ourensá.
O programa, deseñado con carácter gratuíto para as persoas beneficiarias, céntrase no acceso a un “período de respiro” nun hotel-balneario, en réxime de pensión completa, con consulta médica inicial de carácter voluntario, técnicas termais e actividades encamiñadas á mellora da saúde emocional.
A custo cero para os usuarios
A Deputación de Ourense implementará unha actuación piloto que contempla a participación dun número de persoas entre corenta e cincuenta. Todos os custos derivados do mesmo, tanto a estadía no balneario das persoas beneficiarias como todas as actividades de mellora da saúde emocional, estarán financiados na súa totalidade pola propia Deputación de Ourense.
No programa inclúese o desprazamento das persoas beneficiarias en AVE desde Valencia a Ourense, para o cal xa se solicitou a RENFE a súa colaboración na acción piloto.
O departamento de Servizos Sociais do concello seleccionado para a actuación piloto asignará todas as prazas dispoñibles ás persoas que, baixo criterios técnicos, considere idóneas para participar no mesmo.
A Deputación de Ourense tamén estudará, no seo da FEMP, unha metodoloxía aberta a outras entidades locais como membros de Vilas Termais e a outros municipios da Comunidade Valenciana afectados pola DANA como membros da RECS, todo iso co obxectivo de contribuír a que o maior número posible de municipios e persoas poidan ter acceso a unha actuación que signifique un respiro e unha mellora na saúde emocional de quen máis o necesita.