A etapa raíña do Gran Camiño percorrerá Ourense de Xinzo a Xunqueira de Espadanedo

RibeiraSacraXa | OurenseXa
O ciclismo de máximo nivel regresa á provincia o 17 de abril
presentacion-o-gran-camiiño-2026-ourense
21 Jan 2026

O ciclismo internacional de máximo nivel volverá á povincia de Ourense coa celebración da etapa raíña de O Gran Camiño 2026, que terá lugar o 17 de abril con saída en Xinzo de Limia e a chegada en Xunqueira de Espadanedo, recuperando a esencia da histórica Volta Ciclista a Galicia.

A etapa foi presentada esta mañá nun acto que contou coa presenza do alcalde de Xunqueira de Espadanedo, Pablo Graña, a concelleira de Deportes de Xinzo de Limia, Cristina Campero, o director da proba, Ezequiel Mosquera, e o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor.

Para Menor, o regreso desta proba á provincia amosa que “Ourense é unha provincia con afección e capacidade para acoller grandes eventos”, lembrando o éxito doutras edicións que, salienta, “quedaron gravadas na memoria colectiva, como as metas de Ribadavia ou Rubiá, ou a saída de Xinzo, vivida como unha auténtica festa popular”. Menor puxo en valor a resposta do público ourensán nas anteriores edicións, mesmo en condicións meteorolóxicas adversas, e amosouse optimista co cambio de datas da carreira ao mes de abril.

Ademais, o presidente provincial puxo de relevo o carácter e a proxección internacional deste evento que se retransmite en máis de 150 países, transcendendo o ámbito deportivo para promover tamén as posibilidades turísticas do territorio, así como o seu prestixio deportivo, cun palmarés no que figuran nomes como Alejandro Valverde, Jonas Vingegaard ou Derek Gee.

Menor quixo reafirmar a aposta da Deputación por este tipo de eventos que, destacou, “suman deporte, promoción turística, economía local e orgullo de territorio”, sinalando que cada etapa supón unha oportunidade para dinamizar concellos, impulsar a hostalería e reforzar a marca Ourense.

⚙ Configurar cookies
0.082465887069702