A Feira Inspiro volve a Expourense a vindeira semana

OurenseXa
Será o martes, 13 de maio, e o seu programa ofrecerá conferencias de expertos sobre emprendemento, márketing, talento e creatividade
feria-inspiro-2025
Presentación de 'Inspiro' 2025
7 May 2025

Expourense e DixitalGou organizan a terceira edición de “Inspiro”, Encontro Interxeracional entre o tecido empresarial e os diferentes modelos formativos (Universidade e Centros de Formación Profesional) de toda Galicia. Este encontro celebrarase o martes 13 de maio no recinto feiral ourensán e o seu programa ofrece conferencias de expertos sobre emprendemento, márketing, talento e creatividade. Como é habitual, este evento inclúe tamén a exposición (e posterior entrega de premios) dos traballos finalistas do III Concurso de Proxectos Emprendedores.

A terceira edición de Inspiro foi presentada en Expourense nun acto que contou coa participación do deputado de Representación Institucional da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández; do director territorial da Consellería de Educación en Ourense, Jorge Rubén Sampedro; do vicerreitor do Campus de Ourense – Universidade de Vigo, Francisco Javier Rodríguez Rajo; da directora do Centro Galego de Innovación da Formación Profesional, María Jesús Carnero; da xerente de AJE-Ourense, María Muleiro; do CEO de DixitalGou, Pablo Sanmartín, e do director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.

O programa de conferencias do Encontro Inspiro está dispoñible na web do encontro www.inspiro.es. Contará coa participación de expertos en emprendemento que impartirán clases maxistrais e compartirán os seus casos de éxito á hora de converter un proxecto nunha empresa.

A presentadora de televisión e directiva de SOC Comunicación, Lucía Rodríguez, exercerá de novo como mestra de cerimonias deste encontro que comezará coa conferencia inaugural de José María de la Torre do Club do Emprendemento, quen ofrecerá as claves de “Maxia para vender, como xerar ideas na mente do público”. O Club do Emprendemento é a maior comunidade de pemes, autónomos e emprendedores de España.

O programa de conferencias continuará coa intervención da artista multidisciplinar Alba Ferro, vicepresidenta de AJE-Ourense, coa ponencia “Descubre o que te diferencia, a túa ruta e o teu don. O éxito é unha viaxe, non só un destino”.

Inspiro 2025 incluirá ademais unha mesa redonda moderada polo CEO de DixitalGou, Pablo Sanmartín, na que catro empresarios emprendedores presentarán as súas experiencias de éxito. Participarán directivos de Hygea Formación, Mobify, AiFalaches.gal e Nela Gourmet.

A sesión de tarde terá un compoñente práctico e impartiranse dous obradoiros en paralelo. O primeiro será un desafío no que os participantes terán que competir por crear o mellor produto publicitario. Titúlase “CHEGAR & ENCHER: The Marketing Race” e será impartido por Julio López, consultor político, de márketing e desenvolvemento de negocio, coa colaboración do seu alumnado do certificado de profesionalidade en Xestión de Márketing e Comunicación.

O segundo obradoiro da tarde explicará como montar unha entrevista en directo “do set ao streaming” e será impartido por Estrelas Máxicas, empresa dedicada á produción de eventos, especializada en son, iluminación, pantallas, espectáculos de maxia e actuacións musicais. O enfoque será didáctico e colaborativo, permitindo a participación do público no montaxe, gravación e configuración do sistema de streaming.

III Concurso de Proxectos Emprendedores

O Encontro Inspiro acollerá tamén a final do III Concurso de Proxectos Emprendedores, ao que se presentaron un total de 27 traballos. Chegaron á final 11 proxectos finalistas procedentes das universidades de Vigo e A Coruña, e dos centros de Formación Profesional Portovello, Santo Cristo, CPR San Martín e Colexio Valle Inclán.

O programa inclúe varias quendas de exposición dos proxectos finalistas (11 en total debido a un empate na clasificación).

A entrega de premios será ás 18.45 horas. Os galardóns inclúen premios en metálico (repartiranse 1.100 euros en 3 categorías) e unha mentorización a cargo dun experto ou empresa.

O obxectivo do concurso é vincular a ensinanza co mundo empresarial de forma bidireccional: que as empresas coñezan os proxectos e investigacións dos centros educativos para aplicalos á súa actividade, e que, ao mesmo tempo, as empresas estimulen a capacidade do alumnado para crear proxectos con visión práctica, que melloren a produtividade e competitividade. En definitiva, conectar ideas, talento e experiencia.

Este encontro terá lugar en Expourense durante toda a xornada do martes 13 de maio, en horario de 09.30 a 19.00 horas. A asistencia é gratuíta previa inscrición.

O Encontro Inspiro está coorganizado por Expourense e DixitalGou, conta co patrocinio principal da Deputación Provincial de Ourense e coa colaboración da Xunta de Galicia (Formación Profesional), a Asociación de Xoves Empresarios de Ourense – AJE, e a Tesourería Xeral da Seguridade Social.

⚙ Configurar cookies
0.16061186790466