A mostra ‘A Luz que Habito’ xa pode visitarse na Sala Valente

OurenseXa
A exposición é unha mostra exclusiva de 44 pezas de grande formato que presenta a investigación levada a cabo polos artistas Jerez + Pérez de Juan
Inauguración da mostra 'A Luz que habito' de Jerez + Pérez de Juan
Inauguración da mostra 'A luz que habito' de Jerez + Pérez de Juan
13 Dec 2024

A Sala municipal Valente acolle desde a exposición ‘A Luz que Habito’, de Jerez + Pérez de Juan. Este dúo de artistas e arquitectos contemporáneos, máis coñecidos por obras de grande escala como Smar Studio, presentan a súa produción artística por primeira vez en España.
A exposición é unha mostra exclusiva de 44 pezas de grande formato que presenta a investigación levada a cabo polos artistas sobre a "percepción humana" no século XXI.

A mostra foi inaugurada na tarde deste xoves na Sala Valente, nun acto ao que asistiron o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, a concelleira de Artes e Festexos, Noa Rouco e os artistas Fernando Jerez e Belén Pérez de Juan. Estará aberta ao público até o 2 de febreiro de 2025 na Sala municipal Valente, na rúa do Paseo.

As obras que se exponen baséanse no interese dos artistas pola relatividade da nosa percepción, temas que fan énfase en como as nosas experiencias do mundo son altamente individuais, dependentes do contexto e suxeitas ao cambio, convidando a reflexionar sobre cal é a verdadeira luz que habitamos.

Fernando Jerez e Belén Pérez de Juan viven e traballan entre Australia e España. Anteriormente fundaron SMAR Studio, onde obtiveron máis de 20 premios internacionais, desenvolvendo estes conceptos en proxectos de grande escala como a Illa da Ciencia en Kaunas ou Breeze of Innovation en Silicon Valley, Estados Unidos. Expuxeron a súa obra en Australia, España, Finlandia, Corea, China e Estados Unidos, con institucións como Solomon R. Guggenheim Foundation e Kunsthalle, Helsinqui entre outras. Deste crecente éxito fixéronse eco numerosos medios en Australia, Europa e Estados Unidos.

0.17695498466492