A mostra ‘Castelao grafista (facsímile)’ poderá visitarse en Allariz a partir do 3 de abril

OurenseXa
No marco da conmemoración no 2025 do Ano Castelao, Afundación homenaxea ao insigne intelectual e político rianxeiro con esta mostra que estará visible na Casa de Cultura de Allariz
sinatura-convenio-afundacion-allariz-castelao
28 Mar 2025

O Concello de Allariz, Abanca e Afundación, a Obra Social de Abanca, rubricaron este xoves, na Casa do Concello da localidade, un acordo de colaboración para expoñer a mostra ‘Castelao grafista (facsímile)’. Ao acto asistiron Cristina Cid Fernández, alcaldesa de Allariz; Mateo Alonso San Román, coordinador institucional de Abanca en Ourense; e Beatriz Fernández-Anguiano, coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo.

A exposición ‘Castelao grafista (facsímile)’ poderase visitar desde o 3 de abril ata o 2 de maio, de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 18.30 horas.

No marco da conmemoración no 2025 do Ano Castelao, Afundación homenaxea o insigne intelectual e político rianxeiro con esta mostra, incluída no seu programa ‘Corrente cultural, desenvolvido en colaboración con Abanca e os diferentes concellos galegos.

Sobre a exposición

A exposición, que conta con pezas procedentes das coleccións de arte de ABANCA e Afundación, componse dunha escolma rigorosa de obras nas que se reflicte a evolución tanto do compromiso ético, social e político do artista rianxeiro, como dos seus recursos plásticos e a súa querenza pola ilustración. O seu interese pola palabra e pola imaxe consolidouse nas colaboracións que, a partir de 1924, empezou a publicar en medios como ‘Galicia, Faro de Vigo ou Vida Gallega, nas que a ilustración e o texto reflicten a ácida crítica dun Castelao cada vez máis comprometido. Esta forma de arte e denuncia acabaría articulando obras tan relevantes como Cousas da vida (1930) e os álbumes de guerra ‘Galicia mártir’ (1937), ‘Atila en Galicia’ (1937) e ‘Milicianos’ (1938).

No ano 1945, tras case unha década vivindo no exilio, Castelao rematou o que sería considerado como o seu testamento pictórico, ‘A derradeira leición do mestre’, unha tea na que se retoma unha ilustración de guerra elaborada en 1937. Nela, Castelao funde ilustración e pintura en homenaxe ás mestras e mestres asasinados tras o golpe de Estado de 1936.

A mostra reúne facsímiles da Colección de Arte Afundación e debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, dos que pertencen á Colección de Arte ABANCA. Ademais, poderanse ver retratos fotográficos, caricaturas, debuxos e portadas de revistas.

⚙ Configurar cookies
0.037711143493652