A oposición fala en Xunqueira de Ambía
Sonia Vidal Lamas non só é a voceira do BNG no Concello de Xunqueira de Ambía, exercendo a única oposición ao Goberno Municipal liderado desde hai 43 anos por José Luis Gavilanes (PP), senón que, dende estas últimas eleccións, é deputada do BNG no Parlamento Galego.
A súa traxectoria na política comezou co traballo sindical que durante 10 anos desenvolveu no Sindicato Labrego Galego, así como noutros espazos da Vía Campesiña a nivel europeo, onde formou parte do Comité Coordinador.
Despois de pasar varios anos en Alemaña, explica Vidal, estableceuse en Xunqueira de Ambía e iniciou un proxecto de gandería de vacún. “Este cambio levounos á miña parella e a min a involucrarnos máis activamente no Sindicato Labrego Galego, onde comezamos a traballar polos dereitos dos agricultores e gandeiros. Foi aí onde demos os primeiros pasos cara ao que sería un compromiso político máis profundo”.
A partir desa experiencia sindical, comezou a participar de forma cada vez máis activa en iniciativas locais. Así, xunto con outros veciños e veciñas, formaron a primeira ANPA do CEIP Padre Crespo, onde ata entón non existía ningunha estrutura dese tipo. “Esta organización permitiunos mellorar certas condicións para as nenas e nenos do colexio”.
Tras a creación da ANPA, acabou xurdindo a Agrupación de Electores de Iniciativa por Xunqueira, formada por gran parte dos membros da asociación co obxectivo de ter maior capacidade para incidir na vida política de Xunqueira. Así, en 2015, Iniciativa por Xunqueira conseguiu dous concelleiros tras as municipais e, en 2019, o número ascendeu a tres, converténdose na única forza opositora.
“Eramos un grupo de familias preocupadas polo futuro da nosa comunidade, sobre todo porque viamos como o municipio esmorecía, estaba practicamente nunha situación de abandono tras máis de 40 anos de goberno dun mesmo alcalde”, sinala.
Non foi ata estas últimas eleccións cando tanto Sonia Vidal como unha gran maioría dos que formaran Iniciativa por Xunqueira decidiron sumarse ao BNG e presentarse coas siglas do partido. Vidal explica que esta decisión veu motivada de forma orgánica, despois de moitos anos de colaboración durante os que o Bloque Nacionalista foi de gran axuda para as demandas veciñais tanto da ANPA como de Iniciativa por Xunqueira.
“A medida que iamos adquirindo experiencia, tamén vimos a necesidade de contar cun apoio político máis sólido. Por iso, decidimos dar un paso adiante e unirnos ao Bloque Nacionalista Galego (BNG), co que xa colaboráramos estreitamente durante anos”, explica.
“Presentámonos ás eleccións municipais baixo as súas siglas, convencidos de que seguiriamos contando coa confianza da xente, xa que o traballo que fixeramos como agrupación de electores era a nosa mellor carta de presentación”. Unha decisión que cualifica de “acertada” xa que lograron aumentar o número de votos nas eleccións de 2023 e mantéñense como a única forza opositora de Xunqueira de Ambía.
Lograr melloras no concello
A voceira do BNG explica que o concello atópase nunha situación de “parálise” desde hai varios anos. Entre outras cuestións, un dos seus obxectivos fundamentais foi lograr que Xunqueira contase cun parque infantil.
“Reclamamos insistentemente a creación de parques infantís e espazos públicos acondicionados para a infancia, unha demanda básica para unha poboación que busca medrar e atraer a novas familias. Lamentablemente, a pesar dos recursos económicos do Concello, a xestión segue a ser ineficiente e desorganizada”, sinala.
Así mesmo, explica que “outro exemplo desta desidia é a residencia de maiores que se comezou a construír no ano 2000 e que nunca se rematou. O que debía ser un proxecto para mellorar a vida das persoas maiores do municipio quedou reducido a un esqueleto de paredes sen utilidade. Estes proxectos inconclusos son unha mostra da falta de visión da actual administración”.
Pero, sen dúbida, Vidal afirma que a prioridade para o BNG en Xunqueira de Ambía é asegurar o acceso a servizos básicos como a auga potable, algo esencial para calquera comunidade, pero que segue a ser un problema recorrente en Xunqueira. “É inadmisible que, en pleno século XXI, existan barrios que sufran cortes de auga no verán ou que non se realicen as análises necesarias para garantir a súa calidade”.
Visión de futuro
“O noso compromiso non se limita a sinalar problemas, senón a propoñer solucións concretas”, explica Vidal. “Cremos que o Concello ten un enorme potencial que non se está aproveitando. Contamos con recursos naturais como as augas termais, que poderían converterse nun atractivo turístico e nunha fonte de emprego”.
Ademais, sinala que a intención do seu partido é promover unha mellor xestión dos orzamentos municipais, “priorizando investimentos que realmente impacten na calidade de vida da xente, como o mantemento das estradas, a mellora do abastecemento de auga e a creación de espazos recreativos”.
“Estamos convencidos de que é posible gobernar dun xeito diferente, máis próximo ás necesidades reais da xente”, explica Vidal, que fai fincapé en que nun concello que conta con aproximadamente 1.300 habitantes é necesario facer investimentos para convertelo nun lugar atractivo onde pague a pena vivir e onde as familias atopen servizos de calidade. Por iso, insiste “as decisións políticas teñen que responder aos intereses da comunidade”.
“Queremos un Xunqueira mellor para todas as persoas que o habitan, e estamos dispostos a seguir traballando, escoitando e construíndo xuntos un futuro máis digno e esperanzador”, sentencia.