A oposición fala en Xunqueira de Espadanedo

RibeiraSacraXa | OurenseXa
O socialista Gustavo Hermida explica as súas principais reivindicacións como único representante da oposición en Xunqueira de Espadanedo
gustavo-hermida
Gustavo Hermida
19 Jan 2025

Por Raquel Pérez

Gustavo Hermida é, dende 2023, o voceiro socialista no Concello de Xunqueira de Espadanedo, onde representa ao seu grupo en solitario na oposición. Vencellado sempre ao partido, non foi ata despois de xubilarse que decidu dar un paso adiante para involucrarse a fondo na política do Concello.

“Antes, ao estar traballando, non podía dedicarme plenamente á política. Agora que estou xubilado, podo adicar máis tempo a esta actividade, participando activamente en plenos e atendendo os temas do pobo”, explica.

Respecto á súa chegada como líder da oposición en Xunqueira de Espadanedo, Hermida sinala que “enfrontámonos a dificultades para formar unha lista electoral no pobo. Finalmente, decidimos presentar unha lista, e conseguín 100 votos fronte aos 325 do PP, que continúa no goberno con maioría de seis concelleiros fronte a min”. “Estou representando ao meu grupo en solitario na oposición por unha diferenza de 4 ou 5 votos. Por moi pouco non logramos outro concelleiro socialista”.

NECESIDADES DO CONCELLO

Para o concelleiro socialista, Xunqueira presenta un grave problema de despoboación. Unha situación que afirma “non ten pinta de mellorar”, e insiste na necesidade de poñer en marcha medidas para atraer xente. “Os bares e outros negocios están pechando. Incluso o hotel pechou as súas portas”, explica. Lembra, ademais, que xa fai anos que Xunqueira non ten grupo escolar, e que os poucos nenos que viven no concello teñen que desprazarse a Maceda para ir a clase.

Por outra banda, insiste en que “a maior parte da poboación en Xunqueira ten máis de 80 anos”. Por iso, considera que é preciso poñer o foco na xente maior, a través de medidas que melloren a súa calidade de vida.

Ademais, considera que os orzamentos do Concello son “insuficientes” para cubrir as necesidades da veciñanza. Cun orzamento de pouco máis dun millón de euros, explica, o concello non logra cubrir as necesidades dos veciños e veciñas. Ademais, sinala que inda que máis do 20% destínase ás persoas maiores, “esa cantidade resulta insuficiente para cubrir as súas necesidades”. Como solución, propón “buscar apoio da Deputación e da Xunta para obter máis recursos que permitan mellorar o pobo e atender as necesidades da poboación, especialmente as persoas maiores”

LIÑAS DE ACTUACIÓN

Para o voceiro socialista, unha das principais liñas de traballo é a relativa á mellora das instalacións e infraestruturas do concello. Neste sentido, lembra o recente de derrube da Ponte de Xunqueira, “unha infraestrutura clave para a mobilidade tanto para este concello como para a contorna”, e que acaba de ser rehabilitado fai apenas un mes. “Alertei en 2023 de que había que revisar a infraestrutura”, explica.

Así, insiste en que a vila precisa que se fagan investimentos nalgunhas infraestruturas clave a fin de mellorar a seguridade e a calidade de vida da veciñanza, e destaca que fai uns meses propuxo mellorar dúas marquesiñas que, sinala, “atópanse en mal estado que están situadas en lugares inadecuados, incluso obstaculizando a entrada de veciños”.

No relativo á loita contra a despoboación, o voceiro propón tamén reutilizar as instalacións en desuso, como é o caso do colexio, e transformalas en locais útiles para pequenos negocios ou centros de día que poidan servir á comunidade. Ademais, cree que é necesario dar incentivos para poder rehabilitar as vivendas existentes que se atopan en estado de deterioro.

En canto ao turismo, propón potenciar o museo, mellorar as infraestruturas turísticas e fomentar o desenvolvemento de actividades culturais e recreativas na vila, e lembra que Xunqueira de Espadanedo sempre destacou pola súa tradición alfareira.

A SÚA PRIORIDADE

Hermida insiste que, para el, a prioridade é mellorar os servizos destinados ás persoas maiores do concello. Neste sentido, para o voceiro “é necesario  ofrecer un servizo adecuado para a poboación maior, especialmente en zonas rurais como Niñodaguia, onde hai moitas dificultades para acceder aos centros de saúde”. Comenta que “hai persoas maiores que teñen que recorrer á axuda de familiares ou veciños con coche para desprazarse” pero, para el, “esta non debería ser a única solución”.

Así, Hermida propón buscar unha solución para poñer en marcha un servizo de transporte para que a poboación máis envellecida poda desprazarse ao médico. “Un autobús que os leve unha vez cada certo tempo a facer as probas” é unha das súas propostas. “As estradas na zona non son óptimas, o que incrementa as dificultades para chegar ao centro de saúde, que está localizado en Xunqueira, a varios quilómetros de distancia. Para moitas persoas maiores, este desprazamento é case imposible, o que agrava os problemas de acceso á sanidade”.

0.16543197631836