A provincia de Ourense promocionarase esta fin de semana na feira Biocultura

A Deputación de Ourense, a través do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) e en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia, participa esta fin de semana en Biocultura, a feira de ecoturismo e produtos ecolóxicos, que se celebra en EXPOCoruña.
O expositor provincial informará e divulgará propostas de turismo ecosostible, entre as que destacan a Vía da Prata, os xeodestinos ourensáns Terra de Celanova-Serra do Xurés e Valdeorras e os ecobarcos do Ribeiro e o Xurés.
Entre as propostas que presentará a Deputación, destaca a campaña da Vía da Prata co Camiño pola provincia de Ourense.
No relativo ás experiencias ecosostibles creadas nos xeodestinos informarase no caso de Terras de Celanova-Serra do Xurés das iniciativas centradas no turismo ecuestre.
No xeodestino de Valdeorras, divulgaranse proxectos de enoturismo, apiturismo no Parque Natural de Serra da Enciña da Lastra, a artesanía de Casaio, as experiencias enogastronómicas nas Covas de Seadur e aloxamentos vinculados ao Camiño de Inverno.
Tamén se promoverán outras experiencias ecosostibles creadas ao amparo do Plan de Sustentabilidade en Ourense Termal como son os ecobarcos no Ribeiro e o Xurés.