A Rede de Polos de Emprendemento atende máis de 500 proxectos na provincia de Ourense
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou esta tarde en Ourense na xornada 'Impacto positivo e emprendemento', organizada no marco da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego da man da consultora Alén para avanzar na integración da sustentabilidade nas distintas empresas. Alí, destacou que a Rede leva atendido uns 2.900 proxectos emprendedores en toda Galicia, dos que arredor de 550 se localizan na provincia de Ourense e, deles, preto de 400 son iniciativas titorizadas nos centros do Carballiño e Verín, aos que está dirixida a actividade de hoxe.
Unha actividade na que as persoas asistentes teñen a oportunidade de coñecer casos reais de negocios con boas prácticas de sustentabilidade, en concreto, un proxecto de elaboración de viños artesáns e de viticultura sostible. A través desas experiencias, o evento busca establecer conexións e sinerxías entre as persoas interesadas en iniciativas de impacto positivo.
A directora xeral puxo de relevo o compromiso da Xunta con iniciativas empresariais de futuro como as que se preocupan de coidar a nosa contorna, máis aló de que contribúen a seguir xerando actividade empresarial, riqueza e emprego e a fixar poboación vertebrando o noso territorio. No caso da provincia de Ourense, destacou que se roldan xa as 1.500 sesións de titorización para sacar adiante distintos proxectos no marco da Rede de polos, que conta -ademais de cos centros do Carballiño e Verín- cos do Barco de Valdeorras e Baños de Molgas.