A Sala Valente inaugura a exposición '50 anos en Ourense'

OurenseXa
A mostra reúne un cento de acuarelas e pinturas do artista chileno afincado en Ourense, Manuel Araújo Friz
Inauguración da mostra '50 anos en Ourense', de Manuel Araújo Friz
Inauguración da mostra '50 anos en Ourense', de Manuel Araújo Friz
11 Out 2024

A Sala Valente acolle ata o día 10 de novembro a exposición “50 anos en Ourense”, do artista Manuel Araújo Friz, coñecido tamén com Manolo “El Chileno”. A mostra foi inaugurada na tarde deste xoves, 10 de outubro, nun acto que contou coa presenza do propio autor, que estivo acompañado polo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e a concelleira de Artes e Festexos, Noa Rouco.

A mostra é unha retrospectiva da obra de Manuel Araújo Friz, en conmemoración das súas cinco décadas como pintor e profesor en Ourense, e recolle un cento de acuarelas e pinturas do artista, de grande formato, medio e pequeno.

Manuel Araújo Friz é autor de múltiples exposicións a nivel local e internacional. O artista nado en 1946 en Santiago de Chile, traballa con pintura figurativa e abstracta. Os abstractos baséanse no xestual, no traballo de mans, antebrazos e dedos, a través dos cales aplica os seus coñecementos dos materiais. Pintou durante moitos anos acuarelas e hai uns 15 anos iniciouse no abstracto, como consecuencia da súa inquedanza por evolucionar.

Con 17 anos xa pintaba en Chile. Gustáballe realizar murais de rúa, con marcado significado político, que incluían paisaxes propias do seu país. Tivo a ocasión de traballar con grandes personaxes de mundo da arte e desde aquela non o deixou. Chega a España en 1974 e expón por primeira vez no Museo Arqueolóxico en febreiro de 1977, entrando en contacto coa sociedade cultural artística da cidade. Profesor fundador de ATEGAL Ourense, Aulas da Terceira Idade de Galicia, imparte tamén desde hai décadas a súa arte na cidade, sendo moi querido e admirado polo seu alumnado.

0.064348936080933