A San Martiño 2024 estrea un novo percorrido o vindeiro 10 de novembro

OurenseXa
As persoas interesadas poden realizar a inscrición ata o día 3 de novembro
Presentación da San Mariño 2024
Presentación da San Mariño 2024
11 Out 2024

O salón de plenos do Concello de Ourense acolleu esta mañá a presentación da edición número 47 da Carreira Pedestre Popular do San Martiño, que organiza o Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense.

A tradicional cita deportiva, incluída no calendario oficial de probas en ruta da Federación Galega de Atletismo, terá lugar o domingo día 10 de novembro, véspera do padrón da cidade.

A proba contará con 5 categorías: absoluta (10 quilómetros), Sub18, 16 e 14 (5 km), Sub 12 (800 m), Sub10 (800 m) e inclusiva (800 m).

A principal novidade deste 2024 é que a carreira absoluta terá un novo percorrido, motivado polas obras que se están a executar na Avenida das Caldas. A nova ruta, homologada pola Real Federación Española de Atletismo, discorrerá por: Ponte do Milenio, Avenida Xesús Pousa, Praza da Estación, Avenida de Marín, Ponte Nova, Curros Enríquez, Paseo, Lamas Carvajal, Praza Maior, Bispo Carrascosa, Colón, Padre Feijóo, Lugo, Fernández-Oxea, Galicia, Ramón Puga, Nosa Señora da Saínza, Avenida de Zamora, Rotonda Avenida de Zamora, Avenida de Zamora (sentido contrario), Progreso, Marcelo Macías, Avenida de Portugal, Vila Real, Ervedelo, Doutor Fleming, Tras Alameda, O Progreso ata a meta, que estará na rúa do Progreso á altura da Praza de Concepción Arenal.

Na presentación participaron o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, o concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira; o vicepresidente da Federación Galega de Atletismo, Eladio Gómez; o director de Área de Caixabank en Ourense, Félix Rodríguez e o director de Cultura e Deporte da Deputación, Marcos Vázquez. Tamén asistiron representantes das empresas e entidades que patrocinan e/ou colaboran no evento: Pérez Rumbao, Metropolitan, Ecourense, Viaqua, Apersa, Gadis, Coca-Cola, aquaBona, Centro Comercial Pontevella e Xunta de Galicia.

A carreira máis importante de Galicia

O alcalde destacou o prestixio e tradición da carreira, “a máis importante de Galicia”, lembrando os seus promotores nos anos 70 e agradecendo a achega de todas as persoas, entidades e patrocinadores que colaboran nela.

Jácome explicou que este ano a San Martiño terá un percorrido “puntual”, condicionado polas obras na Avenida das Caldas, aínda que “moi bonito e quizais un pouquiño máis rápido” ca o anterior. Porén, lembrou que o Concello traballa nun novo percorrido para próximas edicións.

“Vai ser unha carreira preciosa, un auténtico clásico”, manifestou Pérez Jácome, quen resaltou que é unha actividade “que naceu hai tempo, que crece e que é de todos”. O alcalde subliñou tamén que se levará a cabo nunha fin de semana “superfestiva e superbonita”, na véspera da celebración do padrón da cidade, San Martiño. Tamén avanzou que, a continuación da carreira, haberá unha actuación do grupo Broken Peach para amenizar a espera antes da entrega de premios, e que se instalarán puntos de venda de castañas.

Inscricións

As persoas interesadas poden realizar a inscrición ata o día 3 de novembro. O prezo da categoría absoluta é 5 euros até o día 23 de outubro, e 7 euros desde o 24 de outubro até o 3 de novembro.

0.097129106521606