A Sociedade Filatélica Miño inaugura a mostra 'Letras Galegas 2024. Luisa Villalta'
A Sociedade Filatélica Miño de Ourense organiza a exposición 'Letras Galegas 2024. Luisa Villalta', en honra da autora coruñesa. A mostra poderá visitarse ata o 26 de maio no Liceo de Ourense, e contará cunha sección dedicada a coleccións escritas en galego e aquelas cuxo tema se centra en Galicia. Nela preséntase un selo e cuño dedicados á homenaxeada acompañados dun sobre e unha tarxeta conmemorativa.
Luísa Villalta constitúe unha destacada representante da cultura galega contemporánea, tanto no ámbito musical como no literario; a súa obra abarca todos os xéneros (poesía, teatro, novela e ensaio literario) sempre dende unha perspectiva renovadora e orixinal. Ademais, foi coñecida polo seu grande activismo cultural, que de xeito constante e desinteresado levou a cabo en colaboración con diversas asociacións culturais, colectivos e proxectos de diversa índole.