A Subdelegación do Goberno de Ourense fai balance das accións levadas a cabo en materia de seguridade no segundo semestre de 2025

OurenseXa
O máis chamativo é o aumento das colisións con animais na provincia, que podería converter este 2025 no ano con máis casos rexistrados
comision-seguridade-subdelegacion-ourense
17 Dec 2025

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, presidiu esta mañá a reunión da Comisión de Asistencia ao Subdelegado, na que se fixo un repaso das actuacións dos organismos da Administración Xeral do Estado relacionados con tráfico, estradas e seguridade durante o segundo semestre de 2025.

Esta comisión, que se reúne habitualmente dúas veces ao ano, celebrou nesta ocasión unha sesión específica coa participación dos máximos responsables provinciais do Corpo Nacional de Policía, Garda Civil, Dirección Xeral de Tráfico, Unidade de Estradas do Estado e Avogacía do Estado. Aínda que os representantes do Centro Penitenciario do Pereiro de Aguiar e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil non estiveron presentes, as súas actividades foron tamén tratadas.

Eladio Santos destacou que “estas reunións son esenciais para compartir experiencias e impulsar novas ideas de colaboración, co fin de seguir mellorando”. Durante o encontro, os responsables dos diferentes organismos presentaron o balance do semestre.

Desde a Dirección Provincial de Tráfico chamaron a atención sobre o aumento das colisións con animais na provincia, que podería converter este 2025 no ano con máis casos rexistrados. Ata o momento, suman 1.627 colisións, das que 1.118 foron con xabarís, cifra só superada pola do 2022. En total, hai 283 accidentes máis que no ano anterior. Ante estes datos, o subdelegado pediu “á Administración competente en materia de ordenación de animais salvaxes que tome medidas para un control eficaz da poboación de xabarís”.

Por parte da Policía Nacional, resaltouse o incremento no esclarecemento de delitos, especialmente contra a liberdade sexual, que alcanzou un 100% das denuncias resoltas, así como nos roubos con violencia e os roubos con forza en establecementos. Tamén se valorou o traballo preventivo realizado en coordinación coa Policía Local, con presenza conxunta habitual na zona de lecer da cidade.

A Garda Civil tamén mellorou os seus resultados, aumentando en máis dun 5% o índice de esclarecemento de delitos respecto ao mesmo período do ano anterior, con especial atención aos ciberdelitos.

A Comisión de Asistencia ao Subdelegado é un órgano regulado pola Lei do Réxime Xurídico do Sector Público, que busca coordinar os servizos territoriais para garantir o cumprimento dos obxectivos do Goberno na provincia.

⚙ Configurar cookies
0.082212924957275