A subdelegación e o Concello de Allariz ultiman o dispositivo de seguridade para Festa do Boi

OurenseXa
No encontro analizáronse tamén os datos de criminalidade no municipio, que está descendendo respecto ao ano pasado
xunta-local-seguridade-allariiz
Xunta Local de Seguridade de Allariz
6 May 2025

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, presidiu esta mañá a xunta local de seguridade de Allariz que abordou a diagnose das estatísticas delituosas e ultimou o dispositivo de seguridade para a Festa do Boi, que se celebrará do 14 ao 22 de xuño. Tras o encontro, animou á cidadanía a desfrutar da celebración “con seguridade e cumprindo as normas”.

A reunión, celebrada no Concello de Allariz, estivo presidida tamén pola alcaldesa do municipio, María Cristina Cid Fernández, e contou coa asistencia da directora territorial da consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes na provincia de Ourense, Beatriz Fernández, así como de membros da Garda Civil e a Policía Local, que abordaron tamén o estado da violencia machista, da seguridade cidadá e do Plan Director para mellorar a seguridade nos centros educativos.

Eladio Santos apelou á responsabilidade dos veciños, veciñas e visitantes para que a Festa do Boi, unha festividade cun grande arraigo histórico, transcorra “de forma segura e con total normalidade”. Para iso, a Garda Civil e a Policía Local concretaron un dispositivo especial no que se aumentarán os efectivos de vixilancia.

Respecto ao repaso das estatísticas de criminalidade, o subdelegado do Goberno celebrou que no primeiro trimestre de este ano 2025 diminuíu o número de delitos cometidos no municipio, en comparación co mesmo período do 2024. En concreto, baixou o número de delitos contra o patrimonio.

Nestes momentos, un total de sete mulleres están protexidas a diario pola Garda Civil e a Policía Local en Allariz, a metade que hai un ano. Neste sentido, Eladio Santos valorou a colaboración entre as forzas e corpos de seguridade e recordou que o concello forma parte do Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (VIOGEN) desde o 2023.

Centros educativos

Tamén abordaron a marcha do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas, que levou 11 charlas a Allariz no presente curso 2024-25 sobre seguridade, acoso e novas tecnoloxías, ás que asistiron 230 alumnos, e se organizarán 5 máis ata xuño. Neste punto, o subdelegado marcou como reto lograr unha maior implicación das familias nestas conferencias, xa que é necesaria tamén a presencia de pais, nais e titores para que coñezan os riscos actuais.

⚙ Configurar cookies
0.1592800617218