A subida ao Seminario de Ourense será reparada durante 2025

A Xunta comezará este ano a execución das obras de mellora do firme nas travesías autonómicas no concello de Ourense, cun investimento de 2,6 millóns de euros.
O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, interveu hoxe no Parlamento, onde detallou que proximamente se licitará este contrato que inclúe o acondicionamento das rúas Río Arnoia, Progreso, Emilia Pardo Bazán, Velázquez, Bispo Lorenzo, Coruña, Peña Trevinca, Seminario, Sáenz Díez, Seixalbo, Bos Aires, Isaac Piñeiro Varela e Pena do Vado, Ponferrada, Avenida da Granxa e Avenida de Zamora.
Precisou que se actuará tanto nas beirarrúas como no firme da calzada, podendo ser complementadas con melloras na drenaxe, na sinalización e no balizamento, co obxectivo de reforzar a seguridade viaria na circulación.
Sinalou que no marco deste contrato se intervirá con especial intensidade na OU-413, rúa de subida ao Seminario, con 520 metros de lonxitude. Neste sentido, levaranse a cabo a renovación da capa de rodaxe, das beirarrúas ou da drenaxe e a disposición dunha varanda de protección peonil ou dunha marquesiña.
Salientou que a Xunta tamén ten actualmente en execución o eixo de mobilidade sostible que se está a conformar entre a estación intermodal e Expourense a través da Avenida das Caldas e do paseo do Barbaña.
Ademais remarcou os máis de 5 quilómetros de sendas en ámbitos das estradas autonómicas no concello de Ourense, como a Ponte Sevilla (OU-105), Avenida de Ponferrada, A Rabaza (OU-536), Montealegre (OU-101) e Valdorregueiro (OU-150). Na comarca de Ourense, suman 13 quilómetros, con máis de 6 millóns de euros de investimento.
Por outra parte, avanzou que “o Goberno galego conta cunha axenda intensa de actuacións para este ano e os vindeiros, cun orzamento que suma case 19 millóns de euros en conservacións en viario autonómico do núcleo urbano, na senda da OU-402 en Reza, na pasarela da OU-150 en Cudeiro, na Variante Leste ou no vial de acceso ao CHUO dende a N-525.