A subida ao Seminario será rehabilitada cun investimento de máis dun millón de euros

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse este luns á sede da Asociación de Veciños de Vistahermosa para presentarlle o proxecto de conservación da estrada OU-413 no treito da subida ao Seminario que contempla un investimento da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de máis dun millón de euros.
O delegado territorial explicou que o Goberno galego redactou este proxecto que sirve de base para executar as obras de mellora nas rúas de titularidade autonómica dentro do concello de Ourense, e que inclúen melloras de firme, melloras nas beirarrúas e na accesibilidade.
Salientou Manuel Pardo que, trala primeira reunión mantida cos veciños hai uns meses, e tras escoitar as súas demandas e suxestións para axustalas ao proxecto técnico, “hoxe presentamos aquí o plan de actuación integral que mellorará as condicións de mobilidade da veciñanza, co compromiso por parte do concello de asumir a titularidade da rúa unha vez rematada a intervención”.
As actuacións previstas consisten na renovación e ampliación dos distintos servizos municipais como o abastecemento, o saneamento e unha nova iluminación pública. Tamén se levará a cabo o soterramento das liñas de electricidade e telecomunicacións e incluiranse varias preinstalacións de servizos como a rede de semaforización.
Así mesmo, tamén se acometerá a ampliación das beirarrúas, a reordenación das interseccións, a aplicación dun novo firme e a renovación de toda a sinalización horizontal e vertical.
Precisou Manuel Pardo que esta intervención encádrase no conxunto de actuacións que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas ten previsto desenvolver en Ourense para a conservación das travesías autonómicas no núcleo urbano de Ourense, que conta cun investimento estimado de preto de 3 millóns.