A Vía da Prata protagoniza a campaña ourensá en Fitur 2025
A Deputación de Ourense aposta pola gran experiencia da Vía da Prata para presentar a provincia na Feira Internacional de Turismo (Fitur), en Madrid. O presidente provincial, Luis Menor, destacou os valores paisaxísticos, patrimoniais, culturais e etnográficos do itinerario xacobeo máis extenso de Galicia, protagonista da campaña promocional da Deputación titulada: “Vía da Prata; provincia de Ourense (OU yeah!)”, a través dun vídeo no que se entrelazan cinco historias de diversas xeracións e procedencias, todas elas marcadas polas vivencias e a emoción do Camiño ao seu paso por Ourense.
Os 200 quilómetros e os 28 concellos ourensáns polos que transcorre o tamén chamado Camiño Mozárabe son a carta de presentación da Deputación de Ourense e da provincia ante operadores e público de diversos países. “Queremos converter a Vía da Prata na alternativa do viaxeiro”, sinalou Luis Menor, que destacou a “singularidade” da Vía da Prata ao establecer un “vínculo profundo e único” entre o Camiño de Santiago e a Alta Velocidade, grazas á conexión da capital, Madrid, con Ourense, a través do AVE.
“As cifras anteriores de viaxeiros da Vía da Prata non eran xustas, pero este 2024 medramos un 13 % e aspiramos a seguir así, captando máis peregrinos”, indicou Menor.
RUTA CICLOTURISTA
O presidente provincial avanzou o traballo da Deputación na especialización dunha ruta cicloturista, para aproveitar tamén o constante crecemento de peregrinos que optan pola bicicleta como medio de chegada a Santiago a través da Vía da Prata. Neste sentido, a Deputación, en coordinación co Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), levará a cabo melloras nos traxectos, como a instalación de puntos de reparación de bicicletas.
A campaña, elaborada a través do Inorde e coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia, contempla próximas accións de promoción dun dos recursos turísticos máis relevantes de Ourense. Neste sentido, Luis Menor valorou aspectos do Camiño como a “excelente gastronomía, patrimonio, hospitalidade e ofertas culturais e de lecer”, que contribúen a que o peregrino obteña unha experiencia completa. Con todo, destacou o presidente da Deputación, a Vía da Prata “precisa un impulso máis, transformala nunha alternativa de calidade para os peregrinos”.
UN ITINERARIO EN CRECEMENTO
Menor desgranou varias cifras que certifican a gran acollida da Vía da Prata entre os itinerarios xacobeos. Máis da metade dos camiñantes da Vía da Prata comezan a súa ruta desde Ourense. Trátase do camiño xacobeo que atesoura maiores valores paisaxísticos e que rexistra un maior número de elementos de patrimonio material catalogados, un total de 600.
A gastronomía e os produtos locais tamén forman parte do atractivo da Vía da Prata, sendo o itinerario con maior número de produtos de denominación de orixe. A hospitalidade do Camiño súmase á excelencia dos albergues, xa que a Vía da Prata conta con máis albergues de primeira categoría.
O interese cultural tamén é unha das bazas para explorar polo viaxeiro, xa que a Vía da Prata atravesa localidades con eventos de relevancia como o Entroido de Xinzo, Festa de Interese Turístico Internacional, ademais doutros entroidos destacados como os de Vilariño de Conso, Verín ou Laza.
A estes entroidos engádense outras celebracións de importancia na provincia como a da Castaña en Riós, a exaltación do pan de Cea, o Boi de Allariz, o Magosto de Ourense ou os Maios.
Menor subliñou a aposta da Deputación por “desestacionalizar” a Vía da Prata como destino, grazas a que “calquera data do ano é boa” para atopar ofertas culturais e de lecer, un dos piares que sustentan a campaña de promoción turística da Vía da Prata non só como un Camiño a Santiago, senón como unha experiencia completa.
CONEXIÓN LOCAL
No marco da campaña de promoción da Vía da Prata, a Deputación prevé programar de novo o Camiño por etapas, unha iniciativa da Deputación de Ourense que contempla servizos de guía e autobús, especialmente destinado aos usuarios locais, para realizar a Vía da Prata por etapas, con saídas cada domingo.
A iniciativa, que o ano pasado atraeu a un centenar de ourensáns, reactivarase de novo este 2025, con melloras para poñer o foco en conectar cos ourensáns.