A VII edición do Festival RiR arranca en Allariz con máis dunha trintena de curtametraxes

OurenseXa
Curtas de humor de diferentes países e actividades paralelas como espectáculos teatrais e musicais farán que os espectadores poidan gozar ao máximo deste evento tan especial
Presentación do Festival RIR de Allariz
2 Sep 2024

O Festival Internacional de Curtametraxes de Comedia RiR regresa por séptimo ano a Allariz, cunha programación que arrincou este domingo, 1 de setembro, e que se estenderá ata o vinderio sábado, 7 de setembro.

Zinemusik e Escena Sonora, coa colaboración do Concello de Allariz e a Deputación de Ourense, son os organizadores deste Festival Internacional de Curtametraxes de Comedia. Curtas de humor de diferentes países e actividades paralelas como espectáculos teatrais e musicais farán que os espectadores poidan gozar ao máximo deste evento tan especial. Este ano recibíronse un total de 291 curtametraxes de comedia, das cales 35 están finalmente na Selección Oficial.

A VII edición comezou este domingo coa proxección das curtametraxes premiadas na edición anterior, e continuará ao longo desta semana con máis dunha trintena de proxeccións.

O xoves, os máis pequenos poderán gozar dunha actuación especial na Praza do Matadoiro co espectáculo "Ritmando" de As Jalochas. O venres, o evento continuará coa gravación en directo do podcast "Bueno Carallo Bueno" e unha charla coa xornalista María Aller sobre "A comedia de guerrilla", xunto a produtores e o actor Gerald Fillmore.

O sábado, día máis completo do festival, comezará coa sección "Festival Amigo Convidado" que contará coa presenza do FICAR Entrimo, seguido pola presentación oficial do libro "Memorias de un cinéfilo sarnoso" por Gerardo Sánchez, director de "Días de cine". A tarde traerá a estrea de dúas webseries, "Pulp Air" de Anita Pico e "Poscoito" de Héctor Rodríguez, ademais dunh proxección especial polo 20º aniversario da curtametraxe "Toxic Percebe" coa presenza dos seus creadores e protagonistas.

A clausura do festival celebrarase cunha gala especial, transmitida en directo a través de YouTube, conducida polo humorista Avelino González. Nesta gala entregaranse os premios do festival.

Ademais, a organización entregará o o premio RIR Contigo, que este ano recaerá sobre o actor galego Miguel de Lira, en recoñecemento da súa extensa traxectoria na comedia. En edicións pasadas foron premiados Carlos Blanco, Luis Davila, Xosé A. Touriñán, Isabel Risco ou Manquiña na edición pasada.

O Festival RiR, continúa por terceiro ano consecutivo dentro do Pacto de Cultura Sostible, polo que iranse implantando obxectivos para facer do evento un acto máis consciente, máis respectuoso co medio ambiente e coas persoas con dificultades motoras.

0.18503594398499