A Xunta adxudica seis novas vivendas de alugueiro social na Peroxa
A Xunta concedeu axudas por 1,5 millóns euros á rehabilitación de vivendas de titularidade municipal para destinalas a alugueiro social, actuacións que se enmarcan na bianualidade 2024-2025. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, participou este venres no Concello da Peroxa, en Ourense, no acto de entrega de seis vivendas adxudicadas en alugueiro social que foran recuperadas con estas achegas da Xunta. No acto tamén estivo o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.
Estas seis vivendas sitúanse en catro inmobles nos núcleos da Peroxa e Vilarrubín que antigamente eran casas de mestres (unha delas tamén foi sede de Cruz Vermella) e foron rehabilitados polo Concello coa colaboración da Xunta, que aportou máis de 231.000 euros. As vivendas contan entre 1 e 3 dormitorios e os seus beneficiarios son persoas e unidades familiares que carecían de vivenda en propiedade e aboarán entre 150 e 250 euros por estes alugueiros.
As axudas á rehabilitación de vivendas de titularidade municipal que promove a Xunta teñen como obxectivo seguir incrementando o parque residencial á disposición dos colectivos máis vulnerables con alugueiros a prezos accesibles e inclúen dous programas. O primeiro consiste en axudas a concellos de menos de 20.000 habitantes para rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal que xa non están en uso, como poden ser as antigas casas dos mestres, e destinalas a alugueiro social. A Xunta subvenciona ata o 95% do custo da actuación con incentivos que van dos 50.000€ aos 57.000€, dependendo de se se trata dun conxunto histórico, se atopa no Camiño de Santiago ou nunha Área Rexurbe.
O segundo programa é o de infravivenda, dirixido a municipios de menos de 10.000 habitantes, onde as achegas poden tamén cubrir ata o 95% das obras (cun límite de 15.000€) destinadas a rehabilitar elementos exteriores, mellorar as condicións estruturais, a seguridade ou a accesibilidade dos inmobles ou garantir a habitabilidade.
A Administración autonómica destinou preto de 10M€ a apoiar a máis dun cento de concellos galegos na recuperación de 352 vivendas, das que 200 foron froito da rehabilitación de inmobles municipais que estaban en desuso, e as 152 restantes eran vivendas localizadas en contornas rurais, cuxo estado de conservación facía necesaria unha intervención, parcial ou total, para garantir a súa habitabilidade.