A Xunta concedeu axudas a seis empresas ourensás para a transformación das frotas de transporte

OurenseXa
O delegado territorial en Ourense, Manuel Pardo, explicou que en Galicia suman 70 subvencións por un importe global superior aos 1,6 millóns de euros
O Delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visita a empresa Transportes Pozo
22 Xul 2024

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Taboadela para visitar as instalacións da empresa Transportes Pozo S.L.; unha das seis empresas da provincia de Ourense beneficiaria das axudas concedidas pola Xunta para a transformación de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas prestadoras de servizos de transporte por estrada no segundo trimestre de 2024.

O delegado territorial explicou que en Galicia suman 70 subvencións por un importe global superior aos 1,6 millóns de euros. Do total das axudas, 64 destináronse a achatarramento e as seis restantes foron para a adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono.

Manuel Pardo sinalou que se trata da sétima relación dos expedientes concedidos no marco da orde do 30 de marzo de 2022, reguladora destas axudas dirixidas a empresas privadas prestadoras de servizos de transporte por estrada ou empresas que realicen transporte privado complementario, co obxecto de transformar as súas frotas favorecendo a descarbonización e a aposta por tecnoloxías verdes.

A medida contou cun crédito inicial de 12,8 millóns de euros, que, ante a boa acollida da iniciativa, foi incrementado en diferentes ocasións ata sumar preto de 29,5 millóns de euros. Prevese ademais unha nova ampliación do orzamento ata os 30,8 millóns de euros.

Estas axudas encádranse no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGeneration EU, son xestionadas polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible e abranguen catro liñas de actuación diferentes: o achatarramento de vehículos; a adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono; a implantación de infraestruturas de recarga de vehículos; o retrofit ou modificación da forma de propulsión de vehículos e a adquisición de semirremolques para autoestradas ferroviarias.

0.14279317855835