A Xunta e a Asociación Autismo Ourense asinan un convenio para facilitar o transporte adaptado ao alumnado da entidade

OurenseXa
O Goberno galego destina máis de 33.000 euros a esta colaboración para cubrir os gastos do transporte, incluíndo o apoio de persoas auxiliares
Sinatura dun convenio entre a Xunta de Galicia e a Asociación Autismo Ourense
23 sep 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o presidente da Asociación Autismo Ourense, Ángel Domínguez, veñen de asinar un convenio de colaboración para facilitarlle o servizo de transporte adaptado ao alumnado desta entidade. A través do acordo, a Xunta financia con máis de 33.000 euros os desprazamentos durante o curso 2024-2025 ao Centro de Educación Especial Ilustre Mestre e aos tratamentos que coincidan en horario lectivo.

Trátase dunha addenda que permite seguir cubrindo desde o Goberno galego o 100% do gasto derivado da prestación do servizo de transporte, incluíndo o apoio de persoas auxiliares. Pola súa banda, Autismo Ourense comprométese a facilitar os desprazamentos cos vehículos adaptados que sexan necesarios, así como a prestar os pertinentes servizos especializados de acompañamento e atención ao alumnado trasladado.

O convenio cobre os desprazamentos de ida e volta desde os domicilios dos rapaces aos seus centros escolares, ademais de a ou desde os centros en que reciban tratamento de rehabilitación, cando este coincida co horario escolar. Así mesmo, estará adaptado ás necesidades horarias dos estudantes, moitas veces condicionadas polos tratamentos médicos que necesitan. Cómpre sinalar que os escolares beneficiados por esta acción presentan distintos tipos de discapacidade, polas que precisan nos seus traslados ao centro educativo dunha atención específica e personalizada, de acordo coas súas necesidades físicas e psíquicas particulares.

Máis de 1,8 millóns de euros no apoio a 16 entidades

A colaboración acadada encádrase no compromiso da Xunta coa atención á diversidade do alumnado galego, garantindo o acceso á educación dun sector da poboación escolar galega que require unha atención específica e preferente. O apoio do Goberno galego na prestación do servizo de transporte adaptado ao alumnado esténdese a outras 15 entidades en toda Galicia. Deste xeito, o orzamento para o curso 2024-2025 ascende a máis de 1,8 millóns de euros, un 11% máis que o destinado o curso que vén de rematar, no que se destinaran máis de 1,6 millóns de euros.

O acto de formalización enmárcase na Semana Europea da Mobilidade, que se celebra ata mañá domingo e que inclúe entre os seus puntos clave o progreso cara a un modelo de transporte máis accesible.

0.16919493675232