A Xunta e a mancomunidade de municipios da comarca de Ourense avanzan na consolidación do emprego
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e da directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, reuniuse este xoves co presidente da mancomunidade de municipios da comarca de Ourense e tenente de alcalde do concello de Esgos, José Antonio Blanco Pérez, así como co vicepresidente da devandita entidade e alcalde de Paderne de Allariz, Manuel Pérez Novoa. Sobre a mesa, a colaboración interinstitucional en materia de emprego e en beneficio dos servizos e infraestruturas desa contorna ourensá.
Así, na xuntanza tratáronse cuestións como o obradoiro de emprego para menores de 30 anos -inscritos no Sistema nacional de garantía xuvenil- que se vén de conceder á mancomunidade de municipios da comarca de Ourense, cun orzamento próximo aos 440.000 euros e centrado tanto no campo da atención sociosanitaria á dependencia como no das repoboacións forestais e tratamentos silvícolas.
Fíxose fincapé en que estes programas de 12 meses de duración combinan a formación coa realización dun traballo remunerado ao tempo que supón a mellora das dotacións públicas no ámbito local, así como a prestación de servizos de interese xeral e social que repercuten na mellora da calidade de vida e dos servizos para todos os veciños.
Nese contexto tamén se enmarca o obradoiro de emprego dual en execución Terra de Mosteiro 2023, que cun investimento da Xunta superior ao medio millón de euros está a permitir a formación de 20 persoas desempregadas desa comarca ourensá en especialidades con demanda nesa área, relacionadas coas operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización ou de formigón, así como cos traballos forestais. Unha acción que se agarda teña continuidade na próxima resolución da convocatoria de 2024.
Aprol Rural
Na reunión tamén se abordou o programa Aprol Rural da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que supón este ano que os dez municipios que integran a mancomunidade da comarca de Ourense (O Pereiro de Aguiar, Esgos, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, Xunqueira de Espadanedo, Maceda, Baños de Molgas, Paderne de Allariz, San Cibrao das Viñas e Xunqueria de Ambía) poidan contratar un total de 25 persoas para a realización de tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios forestais nas faixas secundarias.
A axuda autonómica neste apartado para o global de dez concellos involucrados supera os 400.000 euros. En concreto, contémplase que as persoas contratadas se encarguen da planificación preventiva, da valorización forestal, da silvicultura, da limpeza de montes ou da xestión da biomasa