A Xunta e o Concello de A Peroxa colaboran para ampliar o Campo do Amparo
A Consellería do Medio Rural e o Concello da Peroxa colaboraron para a realización do proxecto de ampliación do Campo do Amparo, situado neste municipio ourensán.
A obra consistiu na ampliación do espazo que ocupa o merendeiro deste campo, permitindo así aumentar o seu aforo e darlle un uso como espazo social . Ademais, fíxose unha nova ala do edificio conservando as súas dimensións mediante a ampliación do muro de pedra orixinal. O investimento para este proxecto foi dun total de 39.943,17 euros.
Con este tipo de iniciativas búscase mellorar a calidade e a condición de vida da poboación, potenciando e estimulando o arraigo desta sobre o territorio que habita e contribuíndo ademais á cohesión da vida social no medio rural.
O campo da feira de Amparo é un complexo cun edificio principal en forma de L, con moita vexetación autóctona e espazo de lecer. O edificio data de finais do século XIX e ten importancia pola súa situación e uso dentro da vida social do concello. O obxectivo deste proxecto foi a ampliación do espazo para un mellor acceso así como para incrementar o aforo, o que permitirá aumentar a área dedicada para a feira.