A Xunta financiará as obras de mellora do Fogar Residencial de Taboadela
A Xunta de Galicia financiará con 90.000 euros obras de mellora no Fogar Residencial de Taboadela, pertencente á rede pública autonómica. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde do concello, Álvaro Vila, asinaron recentemente o convenio de colaboración para abordar esta actuación, coa que se mellorará o benestar da vintena de persoas maiores que reciben aloxamento e coidados nestas instalacións.
A actuación consistirá, fundamentalmente, na impermeabilización das fachadas, o que mellorará as condicións de habitabilidade e climatización do centro. O ente autonómico sufragará o 100% dos traballos, que se encargará de executar o concello por tratarse dun inmoble de titularidade municipal.
Perfecto Rodríguez explicou que a mellora do Fogar Residencial é posible tras o acordo ao que se chegou o pasado mes de marzo para que o concello se adherise ao modelo de confinanciamento dos centros que xestiona o Consorcio, ao igual que acontece no resto de municipios de Galicia en virtude dun acordo coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) formalizado no 2016.
Adhesión ao modelo de financiamento
Sen embargo, Taboadela decidiu ata agora non formar parte deste modelo por decisión propia. Esta negativa impedía á Xunta financiar as melloras necesarias no centro, pois competía ao concello segundo o convenio de colaboración asinado no seu día entre o Consorcio e o Concello para a posta en marcha do servizo.
Tras a incorporación do concello ao modelo de cofinanciamento, a intención do Consorcio é continuar executando nos vindeiros anos outras melloras interiores no Fogar Residencial para modernizar a infraestrutura.