A Xunta pon en valor o traballo de Down Ourense tras gañar a liga nacional de debate
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, recibiu no seu despacho de San Caetano ao equipo de Down Ourense que gañou a 3ª edición da Liga Nacional de Debate para Persoas con Discapacidade Intelectual. Con este recibimento oficial, a Xunta de Galicia quixo recoñecer o talento dos integrantes e reivindicar o seu esforzo e a súa capacidade de superación.
A conselleira destacou que conseguiron impoñerse fronte a doce equipos de distintas comunidades autónomas, logo de quedar xa terceiros na anterior edición. Ademais de gañar a Liga, un dos integrantes do equipo, Paco Diz, fíxose co premio individual como mellor orador. Fabiola García celebrou que, como trasladaron dende a entidade, esta experiencia lles servise para superar medos, sentirse realizados, deixar de lado a timidez e dar pasos de xigante en expresión oral e corporal.
Ademais dos membros do equipo, asistiron á recepción a xerente de Down Ourense, Susana Rodríguez, a coordinadora de programas desta entidade, Elena Vaamonde, o formador dos participantes na liga universitaria, Brais Durán, e o xuíz da liga de debate e voluntario da asociación, Juan Santamaría.
Colaboración da Xunta con Down Galicia
A Xunta e Down Galicia manteñen estreitas vías de colaboración. En 2023, o Goberno galego achegou case 2,5 millóns de euros a esta entidade para diferentes programas e servizos, un 37% máis que o ano anterior. No caso de Down Ourense, a consellería de Política Social e Igualdade investiu máis de 180.000 euros nun novo centro para a entidade.