A Xunta prevé licitar este ano un proxecto de conservación do firme das travesías autonómicas de Ourense por 2,6 millóns

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, destacou hoxe no Parlamento o compromiso da Xunta coa mellora da mobilidade en Ourense, con obras en marcha que superan os 5 millóns de euros
Avanzou que se está redactado un amplo proxecto de conservación extraordinaria en vías deste municipio, que contempla de xeito especial a OU-413, que se corresponde coa estrada de subida ao Seminario, prevendo ceder a súa titularidade ao Concello.
Sinalou que neste proxecto, que se licitará este ano cun orzamento de 2,6 millóns de euros, estanse a analizar actuacións de mellora noutras rúas autonómicas como Río Arnoia, Progreso, Emilia Pardo Bazán, parte da rúa Velázquez, Bispo Lorenzo, Coruña, Peña Trevinca, Seminario, Sáenz Díez, Seixalbo, Bos Aires, Isaac Piñeiro Varela e Pena do Vado, Ponferrada, Avenida da Granxa e Avenida de Zamora.
Salientou que a Xunta tamén ten actualmente en execución o eixo de mobilidade sostible que se está a conformar entre a estación intermodal e Expourense a través da Avenida das Caldas e do paseo do Barbaña.
Ademais remarcou os máis de 5 quilómetros de sendas en ámbitos das estradas autonómicas no concello de Ourense, como a Ponte Sevilla (OU-105), Avenida de Ponferrada, A Rabaza (OU-536), Montealegre (OU-101) e Valdorregueiro (OU-150). Na comarca de Ourense, suman 13 quilómetros, con máis de 6 millóns de euros de investimento.
Fixo fincapé na aposta da Xunta polo Concello de Ourense, pois os Orzamentos dedican neste 2025 unha partida de 41,38 millóns de euros, tanto para a vivenda como as infraestruturas, con actuacións previstas coma o novo vial de acceso ao CHUO desde a N-525, o último treito da circunvalación Leste ou a senda de Reza.
Allegue explicou tamén que a Xunta, segundo as obras van quedando rematadas, vén formalizando as transferencias ao Concello, considerando que sobre estas vías se acometen actuacións municipais como a subministración de auga, luz, telefonía ou gas.
Citou como exemplos a avenida Otero Pedraio ou a rúa Marcelo Macías, acondicionadas polo Goberno galego e transferidas posteriormente á Administración local, unha vez finalizados os traballos.