A Xunta vai destinar unha axuda a Taboadela e Baños de Molga para a mellora de equipamentos culturais
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acompañado do alcalde, Ramón Alonso, anunciou a concesión dunha achega de 19.500€ da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para a creación dunha Aula Tecnolóxica na Biblioteca Pública Municipal de Entrimo, ao abeiro da liña de axudas para a mellora de equipamentos culturais que, nesta convocatoria, contribúen á mellora de 46 infraestruturas de toda Galicia.
Trátase dunha medida que conta cun orzamento de 500.000€ e que permite a renovación de bibliotecas, auditorios e centros culturais de 46 concellos, dos que 7 pertencen á provincia de Ourense (Entrimo, Taboadela, O Carballiño, Bande, Cartelle, Baños de Molgas e A Pobra de Trives).
O delegado territorial sinalou que estes tipo de partidas do Goberno galego axudan ás entidades locais a promover a creación de aulas tecnolóxicas para que a veciñanza, sobre todo os nosos maiores, non perda o tren das TIC.” Estes equipamentos -subliñou Manuel Pardo- permitirán ao mesmo tempo dinamizar a oferta cultural e que a cidadanía teña as mesmas oportunidades de acceso ás novas tecnoloxías aínda que se resida en zonas menos poboadas”.
Destacou o representante do Goberno galego que no seu conxunto, as subvencións, que se conceden en réxime de concorrencia competitiva, permitirán reforzar os equipamentos culturais de Galicia con diferentes actuacións que inclúen ata dotar de equipamento e mobiliario, realizar obras de reforma, ampliar, modernizar ou mellorar os inmobles ou adquirir materiais técnicos; e detallou que tamén se inclúen actuacións para actuar sobre a accesibilidade, a iluminación, o son e equipamento de novas tecnoloxías.
As obras para a creación dunha Aula Tecnolóxica na Biblioteca Pública Municipal de Entrimo consistirán na instalación de 12 ordenadores de sobremesa, cos seus teclados e monitores de 24 pulgadas, mesas e cadeiras para colocar os equipos informáticos, máis a adquisición dunha impresora para dar servizo os equipos e todo o necesario para a instalación de 12 postos informáticos.
Estas axudas enmárcanse no traballo da Xunta de Galicia por mellorar e impulsar as infraestruturas culturais galegas e garantir o acceso á cultura a todos os galegos na liña do Plan Xeración Cultura, a folla de ruta para este ano que inclúe un eixo centrado na mellora de infraestruturas culturais. Ademais, mantense unha liña constante de apoio ás entidades e aos concellos galegos que se completa con iniciativas para que os municipios se doten dos medios necesarios para executar as súas programacións.