Aberto o prazo para presentarse á segunda edición dos OUFF Game Awards

OurenseXa
OUFF Game Awards pretende visibilizar a creación e consumo de videoxogos, recoñecendo esta arte dixital como ferramenta audiovisual
OUFF Game Awards
7 sep 2024

O Ourense Film Festival (OUFF) presenta a segunda edición de OUFF Game Awards, a sección do festival dedicada á industria dos videoxogos. OUFF Game Awards naceu na pasada edición do festival de cinema para visibilizar a creación e consumo de videoxogos, recoñecendo esta arte dixital como ferramenta audiovisual.

David Babarro, coordinador do certame, destaca que é unha proposta que busca “integrar aos videoxogos na escena audiovisual máis convencional, xa que a narrativa dun videoxogo non é inferior á de calquera película”. Co obxectivo de “axudar a estudos, empresas e particulares no seu crecemento profesional e premiar a creadores de Galicia que apostan por emprender nun sector moi competitivo” créanse catro categorías de competición: Mellor Videoxogo Galego, premiada con 800 euros, Mellor Narrativa, cun premio de 400 euros, Mellor Arte, premio de 400 euros, e Proposta máis innovadora, premiado con 400 euros.

Pode participar calquera persoa física ou xurídica que estea en posesión legal da obra que presente. O título debe contar con, polo menos, un integrante no equipo de creación ou desenvolvemento galego ou galega, ten que ser xogable e estar xa publicado. Ademais, a data de lanzamento non pode superar os cinco anos e debe contar con elementos narrativos como diálogos, cinemáticas ou conxuntos de animación. Pódense consultar as bases completas na páxina web do festival.

O OUFF está organizado pola Fundación Carlos Velo co patrocinio principal da Deputación de Ourense e o apoio da Xunta de Galicia.

0.065989971160889